UUAA PRESENTA ALEGACIÓNS Á NORMA DE XURROS DO MINISTERIO

Continúa a campaña de recollida sinaturas contra o proxecto do Real Decreto

Santiago, 20 de outubro de 2020.- Tal e como anunciara, Unións Agrarias presentou no día de onte un escrito de alegacións contra ao proxecto de nova normativa de tratamento de xurros. Ademais, e debido á fonda preocupación que existe entre os produtores debido ás repercusións económicas do texto proposto polo Ministerio, a organización continúa coa campaña de recollida de sinaturas posta en marcha en todas as súas oficinas comarcais.

UUAA insiste en que os contidos presentes no borrador do Real Decreto polo que se establecen normas para conseguir a nutrición sostible dos solos agrícolas son claramente lesivos para a rendibilidade das explotacións galegas; xa que implican que as granxas teñan que asumir unha serie de investimentos, procedementos e asesoramentos que elevarían considerablemente os seus gastos converténdoas en inviables.

No que respecta aos aspectos técnicos, a organización agraria maniféstase contraria á prohibición xenérica dos sistemas de aplicación de prato e abano para produtos ou materiais orgánicos con contido de humidade igual o superior ao 65%. E é que, tal e como destaca UUAA, as alternativas que aporta o borrador do Proxecto de RD non son técnica nin economicamente viables para a grande maioría de explotacións familiares de vacún de leite e carne. Tanto debido á necesidade de cambio de maquinaria por outra de máis potencia que implicarían; como a causa do incremento do tempo de traballo, co que iso supón de gasto de combustibles.

Unións Agrarias critica ademais que as disposicións do Proxecto de Real Decreto no que se refire ao apilamiento temporal de estercos, fertilizantes orgánicos e outros materiais de orixe orgánica imposibilitarían o uso desta práctica temporal nun territorio como o galego; con 33.000 núcleos de poboación (unha media dun núcleo por km2) e nas condicións climáticas de Galicia.

A nova normativa non ten en conta o papel do manexo dos pastos permanentes, de gran implantación en Galicia, como un factor de sustentabilidade na xestión dos residuos orgánicos. Unha penalización que obrigará ás explotacións de montaña e zonas desfavorecidas a pechar, xa que as convertiría en dependentes de empresas de tratamento de residuos para poder liberar os xurros, ao non poder depositalos nos prados debido á pendente dos mesmos.

Outro factor negativo é o incremento de carga burocrática e de custos asociados ás esixencias de rexistro de fertilización, analíticas, plan de aboado, necesidade de asesoramento técnico, revisións periódicas de abonadoras e apeiros utilizados na aplicación e obrigatoriedade de incorporar certificados de calidade agronómica para o uso dos xurros. Condicións que, tal e como destaca Unións Agrarias, deben ser reconsideradas para que non supoñan un capítulo engadido aos custos das explotacións. Nese senso, a organización valora a necesidade de implementar axudas económicas para que as explotacións poidan facer fronte ás novas obrigas; habida conta de que os novos gastos non serían repercutibles vía prezo.

Finalmente, no referido aos períodos de prohibición da fertilización nitroxenada UUAA lembra que este non é compatible coas necesidades da rotación herba-millo tradicional nas explotacións lácteas galegas. E lamenta que o Ministerio non tivera en conta a realidade galega e optase por impulsar unha norma homoxénea, allea ás características orográficas, aos modos de traballar e ás necesidades das distintas producións e modelos agrogandeiros existentes no estado.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias