Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2020.– Unións Agrarias apoia as distintas iniciativas do mundo da caza para acadar a declaración da actividade cinexética como esencial. A organización agraria alerta das consecuencias que as distintas medidas de limitación da mobilidade social ás que está a obrigar a loita contra a pandemia da Covid19 poderían ter para o sector agrogandeiro. Motivo polo cal se dirixirá formalmente por carta á Consellería de Medio Ambiente para trasladarlle a importancia de evitar que baleiros legais poidan causar nos vindeiros meses un descenso da presión cinexética sobre poboacións problemáticas de fauna salvaxe, como o caso do xabaril.
Ao igual que sucedeu durante o pasado Estado de Alarma aplicado nos meses de marzo a xuño, é preciso que ante calquera declaración das autoridades competentes para limitar a mobilidade, o rural galego poida contar coa continuidade da actividade cinexética. Unións Agrarias lembra o papel fundamental que a caza social xoga en Galicia para controlar as poboacións de fauna salvaxe; evitar a súa proliferación excesiva; e previr danos na agricultura a na gandería; así como para garantir a seguridade nas estradas e mesmo evitar danos nos ecosistemas.
A organización lembra que a fauna salvaxe constitúe un serio risco de propagación de enfermidades capaces de afectar á cabana gandeira. Como pode ser a tuberculose no gando vacún; ou a peste porcina africana que, de chegar ao sector cárnico de porcino, tería efectos catastróficos. E fai un chamamento para que as administracións non esquezan o papel fundamental do sector agrogandeiro do que, máis se cabe nestes tempos de pandemia, depende a alimentación do conxunto da sociedade.
Unións Agrarias entende que a caza é especialmente importante no caso das poboacións de xabaril; xa que este animal é capaz de dobrar a súa poboación nun ano en ausencia de presión cinexética. Ademais, todos os indicios corroboran que esta especie está a proliferar nos últimos anos, con cuantiosos danos nos prados, cultivos forraxeiros como o millo, nas hortas familiares e nas colleitas de castaña e uva. Así as cousas, destaca que impoñer limitacións á caza ou reducir o número de días hábiles para esta práctica pode dar lugar a situacións insostibles en moitas comarcas na próxima campaña produtiva.
Unións Agrarias quere resalta o papel fundamental da caza como elemento de xestión da fauna e de equilibrio dos ecosistemas, máis alá doutras compoñentes lúdicas, económicas e de lecer que poida ter asociadas. Por todo elo cómpre ir por diante dos efectos colaterais que poderían implicar as novas medidas de limitación da mobilidade impostas no contexto da loita contra a pandemia; e garantir a posibilidade da práctica normal da caza no conxunto do rural galego durante a presente tempada, así como as medidas puntuais de control de danos que poidan ser precisas de cara á próxima veda.