UUAA PIDE A PRESENCIA DO MEDIO RURAL NA COMISIÓN DE REACTIVACIÓN

A organización elevará unha queixa á UE pola exclusión do sector primario do foro

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2020.– Unións Agrarias elevará a súa queixa ante os responsables dos fondos de reconstrución New Generation EU da Unión Europea e ante a Vicepresidencia do Goberno de España encargada de seleccionar os proxectos que recibirán financiamento da UE dentro do “Plan de Recuperación Transformación y Resiliencia”; ante o que considera unha exclusión inxustificada da súa participación na Comisión de reactivación económica social e cultural pactada onte polas tres forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia. Comisión que será a responsable de asesorar á Cámara sobre a aplicación en Galicia do fondo de 140.000 millóns de euros asignados a España nos próximos tres anos para investimentos en proxectos con capacidade de impacto significativo no PIB e capacidade tractora da economía.

Para Unións Agrarias esta exclusión das organizacións agrarias como interlocutores válidos e relevantes nun Plan de reconstrución da economía constitúe unha cacicada e un erro inxustificable. Ademais de probablemente tamén unha ilegalidade; ao incumprirse por grave omisión a disposición da UE de contar sempre con participación abaixo arriba á hora de deseñar as políticas nas que se aplican fondos da Unión Europea; onde os axentes sociais relevantes deben de estar sempre presentes nos deseños das políticas como norma de calidade democrática

A organización agraria non entende que o Parlamento non teñan incluído un só representante do sector primario galego na súa Comisión para o deseño do plan. E lamenta que ata o momento os produtores de Galicia se están a enterar das iniciativas da Xunta de Galicia a través da prensa e non polos seus lexítimos representantes; cando os principais proxectos que ata o de agora se coñecen (proxectos para a xestión de residuos agrarios, proxectos de instalación dunha fábrica de fibras texteis a partir de madeira, e intervención en 250.000 hectárteas) teñen unha clara relación co rural. E cando estas propostas se están a cociñar con supostos comités de gurús e expertos, que asesoran ao vicepresidente da Xunta Francisco Conde cunha total opacidade e falta de transparencia.

Máis aló dos proxectos citados, non se coñecen iniciativas que permitan aproveitar esta ocasión histórica para avanzar na corrección dos grandes desequilibrios do rural galego. Como a dependencia de importación de alimentos para o gando cando temos máis de 200.000 hectáreas agrarias de primeira calidade abandonadas que poderían producir parte dos 3 millóns de toneladas de grao que se importan anualmente. Ou para a reactivación das 32.000 hectáreas de regadío que permitirían fornecer ata un terzo das necesidades de forraxe da cabana de leite galega. A posta en produción dos Montes Veciñais en mans da Xunta de Galicia que producen a décima parte da madeira que poderían baixo xestión sustentable. A necesidade de que o terzo de superficie forestal arborada con especies autóctonas produza madeira de calidade. Ou iniciativas e investimentos industriais ou en I+D agrario que permitan seguir liderando desde Galicia sectores punteiros como o lácteo, o cárnico, o viño de calidade e a produción de castaña.

Uniós Agrarias lembra que estamos ante unha ocasión histórica de avanzar na cohesión económica e social, e de mellorar a competitividade do agro galego con medidas estruturais de amplo impacto e recorrido; que posicionarían ao noso sector primario no contexto dunha eurorexión privilexiada con acceso ás autopistas do mar para dar saída as súas producións de maior valor engadido.

Esta exclusión da voz do sector primario, por decisión de todos os partidos políticos, dunha Comisión chamada a enfocar axeitadamente os fondos de reconstrución, a aliñalos cos obxectivos da UE para que teñan posibilidades de aprobación dentro da concorrencia competitiva co resto de proxectos de España e Europa, chama máis a atención en tanto en canto as Organizacións Agrarias si forman parte da Comisión Nacional, e de distintas comisiones xa constituidas en diversas Comunidades Autónomas, como no caso de Aragón, Extremadura e Castela León.

En todo caso o currículo da Xunta de Galicia na tramitación de Fondos estruturais da UE ven sendo moi negativo, ao non superarse o 35% de execución media, especialmente no Fondo de Desenvolvemento Rexional FEADER.

Unións Agrarias esixe o respecto dos partidos políticos e do Parlamento de Galicia á voz dos miles de agricultores e gandeiros galegos aos que representa, e pide publicamente que se reconsidere esta decisión de exclusión e veto, que incumpre a normativa e acervo comunitario en materia de interlocución social.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias