Chantada, 30 de outubro de 2020.- A organización Unións Agrarias denuncia os continuos ataques de lobos que están sufrindo as ganderías do concello de Chantada. Nas parroquias de Vilaúxe, Santa Uxía de Asma, Laxe ou San Pedro de Viana son constantes as incursións das mandas co resultado de varias vacas e becerros mortos.
UUAA esixe unha acción decidida por parte da Xunta de Galicia para controlar con criterios técnicos o volume das poboacións de lobo e poder manter a convivencia entre a fauna salvaxe e a actividade gandeira. Do mesmo xeito, é preciso un cambio normativo similar ao que xa está vixente en Asturias; de xeito que sexa posible realizar esperas por parte de equipos de caza específicos, á marxe dos tecores.
Para a organización agraria non é asumible que os gandeiros sexan os encargados de alimentar cos seus animais as mandas de lobos. Polo que é imprescindible un reforzo orzamentario para axudas compensatorias; a liquidación dos atrasos e a axilidade administrativa na tramitación dos expedientes.
Unións Agrarias avoga por unha verdadeira xestión do lobo en Galicia. O que implica o control puntual das poboacións nas zonas gandeiras de maior risco e número de ataques. Así como a posta en marcha de alimentación disuasoria en determinadas zonas e épocas do ano (sempre ambas medidas con criterios científicos e técnicos).
A conservación do lobo é unha tarefa de toda a sociedade, e non se pode pretender que recaia exclusivamente nas costas das economías familiares de agricultores e gandeiros. Recuperar o normal funcionamento das axudas é o primeiro paso para facer crible entre as xentes do rural a política de conservación e xestión do lobo da Consellería de Medio Ambiente, despois dos recortes e abandono dos últimos anos.