UUAA INSISTE EN QUE SE AUTORICE A CAZA COMO ACTIVIDADE ESENCIAL

O descontrol nas mandas de xabaril xera alarma e preocupación no rural galego

Santiago, 2 de novembro de 2020.– Unións Agrarias insiste en que a Xunta de Galicia e a Consellería do Medio Ambiente despexen de inmediato as dúbidas sobre a posibilidade dos cazadores de continuar coa súa actividade durante o estado de alarma. O peche perimetral das cidades vai impedir que moitos cazadores se incorporen as súas cuadrillas. E a organización xa ten constancia de queixas e malestar debido á imposibilidade de impulsar as medidas precisas para manter o control das poboacións de xabarís; que, tal e como advirten os expertos, poderían duplicarse nunha temporada en ausencia de presión cinexética.

Os TECOR de Galicia teñen asignados cupos de animais que é preciso cazar anualmente para estabilizar as poboacións de xabarís evitando proliferación das mesmas en exceso. Unhas accións precisas para evitar a ameaza que estes animais supoñen para a viabilidade dos cultivos. Cabe lembrar que os ataques dos xabarís causan máis de 12 millóns de euros anuais de perdas aos agricultores e gandeiros galegos. Producen unha media de 10 accidentes de tráfico diario a día de hoxe; e ameazan a viabilidade de moitos ecosistemas e espazos naturais protexidos, ao alimentarse das aves, réptiles, anfibios e pequenos mamíferos.

Unións está a ter queixas de que esperas por control de danos se están a paralizar estes días polo toque de queda que impide circular a partires das 11 da noite. A isto súmanse as novas disposicións que impedirán as batidas de numerosas cuadrillas ao non alcanzarse o número mínimo de participantes.

O rural galego deu a talla durante o pasado estado de alarma, producindo sen parar e garantindo o abastecemento dos mercados e dos lineais dos supermercados para todos os galegos. Non pode ser que agora non se tomen as medidas precisas para apoiar a continuidade da actividade produtiva. E o control das poboacións de xabarís é algo prioritario para evitar un desastre nos cultivos. Asemade segue latente a preocupación pola posible chegada a España da peste porcina africana. Unha enfermidade que non afecta ás persoas pero que podería destruir o sector porcino galego, para o que é preciso controlar axeitadamente as densidades do xabaril, principal vector de transmisión.

Por todo, Unións Agrarias insta publicamente á Xunta de Galicia a que actúe de inmediato para despexar legalmente as trabas á caza social galega durante esta pandemia, o estado de alarma e o toque de queda; de xeito que se poida seguir prestando o apoio preciso a agricultores e gandeiros; controlando as poboacións de xabaril e minimizando no posible as perdas económicas provocadas polos ataques destes animais.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias