O monte galego: un terreo para as oportunidades socioeconómicas e a protección ambiental

Entrevista ao presidente de Asefoga, Jacobo Feijóo

Os ingresos que as rendas familiares do rural galego perciben do monte son equiparables á inxección económica que supoñen os fondos europeos da PAC. Un complemento importantísimo arredor do que medran oportunidades de emprego e iniciativas innovadoras vinculadas a unha industria que representa o 2,5% do PIB. Da situación actual e das oportunidades do sector forestal en Galicia falamos co presidente de Asefoga, Asociación Sectorial Forestal Galega. Jacobo Feijóo destaca a importancia de experiencias formativas como as que o colectivo que dirixe impulsou nos últimos meses, da man da Axencia Galega da Industria forestal XERA. O pon en valor a importancia desta actividade forestal dende o punto de vista da xestión do territorio e a prevención de incendios.

Máis de 2/3 da superficie galega está ocupada por terreos forestais; concretamente o 69%. En países como Finlandia, Suecia ou Austria, a industria forestal representa entre o 5 e o 7% do PIB. Pensa que a experiencia galega pode ser equiparable?

Creo que temos unha situación moi diferenciada. A propiedade en Galicia está moi socializada, en mans de miles de propietarios. Ben particulares, ben comunidades de montes, que supoñen un terzo da superficie forestal. Producimos a metade da madeira de toda España con apenas un 8% da superficie forestal. En canto á cadea de valor da madeira, o peso do sector forestal debía ser maior do que é a día de hoxe. Cun 2,5% de peso no PIB, estamos moi lonxe dos valores desas potencias forestais da Unión Europea que se citan, que se caracterizan polo alto valor engadido que a súa industria lle dá á madeira local. Nese sentido precisamos de innovación, I+D no sector da madeira e achegar talento ao noso sector para poder alcanzar esas cifras de valor engadido e de aportación á economía.

As cortas de madeira supoñen un complemento para moitas economías familiares do rural galego. Pero máis aló diso, existen outras oportunidades laborais no sector…

A madeira no rural galego supón tantos cartos como por exemplo os Fondos da PAC da Unión Europea, xa que estamos a falar duns 300 millóns de euros cada ano que chegan a propietarios e veciños comuneiros. Unha cantidade nada despreciable nas rendas familiares, e fortemente socializada, moi repartidas entre millleiros de familias. Esta importancia da aportación da madeira nas rendas do rural, capaz de rivalizar na súa contía coas transferencias dos fondos europeos, é algo moi singular de Galicia e que non se repite noutas rexións do país.

Respecto ás oportunidades laboráis, igual a alguén lle sona raro, pero comeza a faltar xente no rural galego para materializar a xestión forestal. Os equipos de motoserristas teñen déficit crónico de persoal. E os maquinistas especializados son moi cotizados no sector laboral, con soldos moi dignos.

E con respecto ás oportunidades de xerar rendas con productos diferentes da madeira, en Galicia hai que falar da castaña, xa que somos unha das principais rexións europeas produtoras de castaña. E tamén dos cogumelos, un aproveitamento aínda minoritario pero que vai collendo pulo con cada ano que pasa. E por suposto o mel de Galicia, probablemente o mellor de Europa pola calidade dos ecosistemas forestais e a baixa utilización de pesticidas no noso agro.

Co obxectivo de impulsar a actividade económica vinculada ao sector forestal, mellorar a competitividade das empresas, coordinar os centros de investigación en materia forestal e promover a transmisión de coñecementos naceu a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera). O apoio deste organismo está a conseguir o pulo que o sector precisa?

A Axencia Galega vai dando pasos firmes na dirección axeitada. Foi moi importante para o sector singularizar a súa actividade nunha Axencia específica, que teña obxectivos exclusivamente forestais. Eu animaría a traballar en varias direccións. En primeiro lugar, abondar no modelo de investigación da UE, dos Grupos Operativos en que se coordinan as tres patas do “triángulo do coñecemento” para desenvolver proxectos: Universidades, Centros Tecnolóxicos e Empresas. É un modelo que funciona para os tres compoñentes, aporta valor e facilita a transferencia tecnolóxica e a aplicación de novas tecnoloxías de xeito creativo e eficaz. En segundo lugar, captar talento no estudantado galego e facilitar becas e formación no extranxeiro, alí onde haxa desenvolvementos punteiros, especialmente en química da madeira, e biorrefinería. Creo que neses dous sectores vai estar a clave do desenvolvemento do sector forestal nas próximas décadas.

Coñecemento e desenvolvemento van da man. Pensa que é necesaria máis formación en tarefas e habilidades específicas; como as que foron abordadas nos cursos organizados por Asefoga e Xera entre outubro e novembro sobre implantación de procesos de certificación forestal, seguridade no traballo ou métodos de xestión ligados á cadea produtiva da madeira?

Sen dúbida son todos aspectos importantes nos que se avanzou nos últimos anos, e nos que penso estamos homologados con calquera país co que nos queiramos comparar. E que por certo precisan de formación continua, pois son todos procesos moi dinámicos, suxeitos a cambios e que precisan de permanente actualización. Peo debo de insistir outra vez na importancia da innovación.

As aplicacións e usos da madeira son amplos e variados: biomasa, construción, fabricación de papel, elaboración de diversos útiles… En que estadio diría que se atopa a industria transformadora en Galicia?

A industria transformadora en Galicia é unha forte realidade con presencia especialmente na primeira transformación da madeira. Se ben se bota en falta unha actitude máis activa de cara a innovar en procesos e productos. Estamos moi especializados en pasta de papel e taboleiros mdf e de partículas, así como en madeira aserrada. En pasta de papel a innovación máis importante nas últimas décadas foi de proceso, de xeito que a día de hoxe se produce pasta TCF, o que permitiu reducir drasticamente o impacto medioambiental desta actividade. Faltarían innovacións en procesos de biorrefinería que permitiran un aproveitamento más amplo das fraccións químicas da madeira que actualmente se valorizan unicamente para bioenerxía. En canto ao taboleiro, son productos que datan dos anos 50 do século XX, e creo que poden verse destronados en calquera momento nas súas múltiples aplicación por outra xeración de materiais derivados da madeira en moitos dos seus usos. Penso por exemplo na impresión 3D con derivados da madeira, ou nos polímeros mixtos fibras-plásticos ou “composites”. A tecnoloxía 3D está chamada a revolucionar completamente o sector da madeira nos próximos 15 anos a nivel global. Creo que estamos iniciando por tanto unha revolución de novos materiais derivados da madeira, e que a industria galega ten que estar moi atenta para subirse a ese tren e non quedar desfasada.

Ás veces a sociedade tende a entender o aproveitamento forestal como unha agresión ao medio. Pero non ten que ser así. Conseguir unha convivencia saudable e sostible entre aproveitamento e conservación dos recursos naturais, o patrimonio natural e o mantemento da biodiversidade é de facto un obxectivo capital na estratexia forestal galega que promove o Xera. E a actividade humana é fundamental como ferramenta para a xestión do territorio e a loita contra os lumes…

Indubidablemente. A día de hoxe en Galicia a maior ameaza para os ecosistemas forestais é sen dúbida o lume. E o mapa do lume coincide plenamente co mapa do abandono do rural. En Portugal no ano 2017 co evento do ciclón Ophelia comprobouse máis aló de teorías e plantexamentos ideolóxicos que lle pasa a un territorio cando pasan anos de abandono por el e chega o lume baixo condición climáticas extremas. Vimos incendios de máis de 150 km de longo e 30 km de frente, imposibles de apagar con medios convencionais. E máis de 50 vidas humanas que se perderon en apenas 14 horas. A mellor ferramenta contra o lume é a xestión forestal sostible e o desenvolvemento rural, que mantén actividade agraria con superficies activas de prados, cultivos e terras de labor que fan as veces de cortalumes naturais. Que protexe o medio do lume, á vez que produce materias primas renovables que nos permiten reducir a nosa dependencia doutras materias primas non sustentables e con alta pegada de carbono.

Tanto a técnica forestal como a Certificación Forestal permítennos a día de hoxe compatibilizar os diferentes obxectivos e demandas sociais que se lle esixen ao monte. Como a compatibilización da protección contra a erosión, o coidado do ciclo hidrolóxico, a conservación de ecosistemas, a captación de CO2, a adaptación e mitigación do cambio climático e a obtención de materias primas renovables, como a madeira.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias