UUAA celebra a aprobación dos desprazamentos das cuadrillas de caza durante o estado de alarma

Agradece que o presidente da Xunta teña atendido a petición que a organización agraria lle fixo chegar por carta hai unha semana

Unións Agrarias agradece a intervención do presidente da Xunta para despexar as dúbidas que nas últimas semanas pendían sobre a caza en Galicia. A Circular da Consellería de Medio Ambiente coñecida a última hora da tarde deste mércores recolle a petición que Unións Agrarias lle trasladara ao presidente do goberno galego mediante carta o pasado 11 de novembro. Unha misiva na que a organización agraria advertía da “inseguridade xurídica” existente no colectivo cinexético debido ás novas restriccións á mobilidade aprobadas en relación á loita contra a covid-19. Unha inseguridade que estaba a xerar dificultades á hora de completar cuadrilllas; provocando un descenso preocupante no ritmo de capturas preciso para cumprir os plans de xestión dos TECOR, estabilizar as poboacións de xabaril e previr os danos destes animais na agricultura, na propagación de enfermedades infecciosas ao gando e nos accidentes de circulación.

Unións Agrarias celebra a sensibilidade amosada pola Xunta de Galicia cara a un problema que estaba a xerar preocupación no rural galego. E agradece que Galicia se teña sumado ás Comunidades Autónomas que xa autorizaran a caza de forma explícita; “non en atención ao carácter de práctica deportiva desta actividade, senón debido ao seu papel fundamental como ferramenta de xestión das poboacións do xabaril e os seus efectos sobre os ecosistemas, a seguridade vial, a prevención de enfermidades na cabana gandeira e os danos cuantiosos que esta especie provoca na agricultura”.

Unións Agrarias, agradece igualmente a colaboración das Asociacións da Caza Social de Galicia, que dende o primeiro momento remou na mesma dirección e colaborou na procura desta decisión; que despexa as dúbidas que estaban a impedir o normal exercizo dunha actividade esencial para o equilibrio do rural galego. A organización agraria celebra unha declaración que “supón un éxito para as entidades que traballaron para trasladar á administración e á sociedade o insustituible papel da caza como ferramenta e actividade fundamental na xestión do medio ambiente”.

De acordo coa Circular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, “quedan exceptuadas das limitacións á entrada e saída de persoas, así como das restricións á permanencia de grupos de persoas en espazos públicos limitada a persoas convivintes, as accións de caza colectiva; sempre que se realicen exclusivamente sobre as seguintes especies cinexéticas (xabaril e lobo), e nos seguintes supostos:

a) Accións de caza sobre o xabaril, de acordo coa planificación aprobada para a tempada de caza 2020/2021 nos Plans Anuais de Aproveitamento Cinexético dos TECOR, e accións autorizadas especificamente en terreos de réxime cinexético común.

b) Accións de caza con ocasión de danos á agricultura ou á gandería ocasionados polo xabaril e/ou lobo (que en todo caso requiriran da súa comprobación previa por parte das xefaturas territoriais da CMATV).

c) Accións de caza como consecuencia de accidentes graves de tráfico reiterados nun mesmo punto quilométrico.

O texto tamén especifica que “en todo caso, durante o desenvolvemento destas accións de caza está permitida a actividade cinexética en todas as súas modalidades, sempre que se respecte a distancia de seguridade interpersoal ou, na súa falla, utilícense medidas alternativas de protección física. O uso de mascarilla será obrigatorio en todo caso, aínda que se manteña a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros”.

Ademais, “para o desenvolvemento da actividade cinexética organizada que implique a máis dun cazador deberá dispoñerse dun plan de actuación por parte do responsable da cacería, no que se detallen as medidas de prevención e hixiene a observar. O contido do devandito plan deberá ser
trasladado a todos os participantes, co fin de garantir o seu coñecemento por estes con carácter previo, e deberá ser presentado, así mesmo, xunto coa correspondente solicitude de autorización de cacería, no seu caso. Así mesmo, non se compartirán utensilios de caza, nin trevellos de comida ou de bebida”.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias