Lugo, 20 de novembro de 2020 .– Unións Agrarias demanda un plan de choque da Administración, que permita reverter ao longo do presente ano a catastrófica situación dos soutos produtores de castaña na montaña luguesa e enfrontar de xeito eficaz os efectos da praga da avispilla do castiñeiro.
A saúde dos soutos nas comarcas do Courel e dos Ancares atópase en estado crítico debido á acción do insecto Dryocosmus kuriphilus ou avispilla do castiñeiro. Un insecto chegado de China a Galicia no ano 2014, que afecta aos gromos de follas e candeas impedindo o seu desenvolvemento. E que seis anos despois, e tal como se está a denunciar estes días, ten reducido a produción de castaña na montaña de Lugo a un escaso 10% do que sería a media dun ano normal. Hai que ter en conta que esta praga se detectou no Courel hai apenas 3 anos, no 2017; o que dá idea do seu rápido desenvolvemento.
A castaña é un recurso complementario fundamental en moitas economías das familias dos Ancares e O Courel, que este ano non contarán con ese ingreso extra que permitía equilibrar presupostos familiares e complementar as pensións do rural. A produción media de castaña na provincia de Lugo nun ano normal rolda os 8 millóns de quilos, o que supón uns 10 millóns de euros para os propietarios dos soutos. Na comarca dos Ancares e do Courel os ingresos por venta de castaña superan os 3 millóns de euros nun ano de colleita normal. Cantidade que ten pasado este ano a practicamente cero polo impacto da praga da avispilla.
Unións demanda un estudo inmediato que permita determinar as causas do fracaso nesta comarca da loita biolóxica contra a avispilla do castiñeiro a través do parasitoide Torymus sinensis, que se leva liberando no entorno dende o ano 2018.
É fundamental que a Administración inicie de inmediato un traballo de campo para comprobar cal é o grao de parasitización das postas de Dryocosmus, a partir do cal estableza un plan de choque para a primavera deste ano; de xeito que se faga un seguimento da evolución do ciclo biolóxico da avispilla para determinar o momento máis eficaz para a solta do parasitoide, e se teñan suficientes exemplares de Torymus preparados para ese momento de solta óptima.
Unións Agrarias entende que é imprescindible actuar canto antes para que xa o ano que ven se poida contemplar unha mellora significativa dos soutos e se acurte o prazo de recuperación de 6 anos que baralla a Xunta. Sen un plan de choque, moitos dos soutos hoxe afectados non van resistir tanto tempo, e poden literalmente morrer por efecto da praga. Ademais de que a falta de rendibilidade do cultivo da castaña moi probablemente vai provocar o abandono de moitas superficies de castiñeiros nos próximos anos; rachando a tendencia de recuperación e posta en valor que se viña dando na comarca nos últimos anos, especialmente por parte de xente nova emprendedora que apostou por quedar no rural.
É fundamental por tanto a implicación da Xunta de Galicia como responsable última da sanidade forestal; de forma que se comprometan de inmediato os traballos e fondos precisos para abordar este plan de choque contra a avispilla do castiñeiro, que impida a desaparición dos soutos e o recurso que supoñen para centos de familias da montaña de Lugo.