Ribadavia, 21 de Novembro de 2020.- Unións Agrarias valora positivamente a posta en marcha dunha liña de axudas ás adegas. Unha iniciativa para inxectarlles liquidez que pode supor un alivio para a dura situación que estas están atravesando debido á caída do consumo na restauración motivado pola pandemia. Porén, a organización agraria considera que detraer os fondos das partidas do PDR non parece o máis apropiado; xa que estas liñas teñen como destino manter a flote mediante axudas directas a sectores estratéxicos e sensibles como a gandería; que en moitas comarcas do interior de Galicia supoñen o único actor económico con actividade. UUAA entende que sería moito máis sensato que a Consellería do Medio Rural optase por cargar estes pagos ás adegas a liñas de financiación do IGAPE que xa están activas para empresas con problemas e dotadas de fondos suficientes.
Para Unións Agrarias tampouco parece coherente o modelo de concesión proposto, xa que na practica permite ás adegas pagar ata un 30% por debaixo da media das cotizacións dos últimos 5 anos e sen ter en conta os custos de produción tal como se estipula na Lei da Cadea; o que supón estimular a venda a perdas. Tampouco parece este o momento máis adecuado para activar esta norma, dado que vai fomentar que as adegas adíen os pagos aos viticultores ata ter cobrado as axudas. Circunstancia que fará que non se pague a uva ata dentro de varios meses e non a trinta días, tal e como está estipulado na nomeada Lei de Cadea.
A organización agraria lamenta que o modelo de axudas impulsado pola Consellería sexa tan laxo no que ten que ver co cumprimento das responsabilidades das adegas cos viticultores; posto que aínda que a liña de crédito ten unha duración de cinco anos so se vincula ao pago da uva da vendima deste ano.
UUAA insiste en reclamar maiores garantías para os produtores de uva. E insta á Xunta de Galicia a vincular calquera liña de liquidez ás adegas á garantía da recollida da uva a prezos que cubran os custos de produción. Así como que se obrigue a depositar os contratos de abastecemento nun rexistro público que permita certificar que estes cumpren coa lexislación vixente.