UUAA CIFRA EN 120 AS GRANXAS AFECTADAS POLOS CORTES DE LUZ

Os servizos xurídicos da organización tramitan xa as reclamacións a Naturgy

Lugo, 10 de decembro de 2020.- Unións Agrarias está a recoller na súa oficina de Lugo a documentación das granxas afectadas polos cortes de luz da pasada fin de semana en Baleira, O Corgo e Castroverde para presentar as pertinentes reclamacións diante da empresa Naturgy polas perdas sufridas.

A organización anima aos produtores que aínda non trasladaron a súas queixas a facelo o antes posible para que os servizos xurídicos poidan actuar e tratar de poñer fin ao servizo deficiente que a compañía eléctrica presta nesa zona; e que provoca que cada inverno haxa cortes de enerxía durante varios días.

UUAA cifra en 120 as explotacións gandeiras que se viron afectadas pola falta de electricidade, o que motivou que tiveran que muxir durante días apoiados por grupos electróxenos. Unha circunstancia que ademais de supoñer un custo engadido, implica un risco de avaría para os equipamentos das granxas debido á inestabilidade do fluído eléctrico aportado polos xeradores.

A organización lembra que a zona afectada ten unha importante produción láctea que pode acumular en dous días mais de 450.000 litros de leite, que precisa enerxía tanto para o muxido como para a refrixeración. Polo que non se entende que ano tras ano a antiga Fenosa non aporte unha solución definitiva ás deficiencias do tendido e o subministro. A mesma compañía que logo carga con facturas de mais de 50.000 euros aos gandeiros que precisan dun repotenciamento eléctrico para ampliar a súa explotación.

A organización vai dirixirse á Consellería de Industria para darlle traslado da situación na que se atopan estas granxas afectadas de xeito reiterado polos cortes de luz, para que se inicien accións exemplares contra Naturgy que poñan fin a esta situación terceiromundista.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias