Santiago, 10 de decembro de 2020.- Os viticultores das denominacións de orixe Ribeiro ou Rías Baixas están vendo como axudas concedidas en 2019 por Medio Rural para a mellora e restructuración de viñedo seguen ser aboadas; o que supón un grave atranco tendo en conta delicada situación pola que os produtores atravesan neste ano de pandemia.
Unha dificultosa situación que se ve agravada polo feito de que, no caso das convocadas en febreiro de 2020 e cuxo prazo de solicitude rematou xa a principios do mes de marzo, seguen sen contar con resolución administrativa. Unións Agrarias lamenta a tardanza que acumulan estes expedientes, e lembra que os traballos aos que se destinan estas axudas deben estar executados e rematados en maio.
A organización agraria insta á Xunta de Galicia a axilizar os procedementos, e lembra que se os expedientes non se activan coa máxima premura resultará practicamente imposible para os viticultores poder acometer en prazo as melloras.
UUAA reunirase o luns na Consellería para tratar de desbloquear unha situación que está a provocar unha grande inquedanza entre os produtores.