UUAA PIDE A MEDIO RURAL CLARIDADE PARA AS LIÑAS DOS FEADER

4.000 granxas descoñecen se o 1 de xaneiro han de cambiar o modelo de explotación

Santiago 23 de decembro de 2020.- Unións Agrarias advirte da necesidade de que a Consellería de Medio Rural clarifique o inmediato futuro das principais liñas de axudas ao Desenvolvemento Rural cofinanciadas polo fondo europeo do FEADER, unha vez que en decembro expira formalmente o período de programación 2014-2020 do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia.

Aínda que no proxecto de Lei dos orzamentos da Xunta a día de hoxe existen partidas para a continuidade do PDR de Galicia, descoñécense os detalles da aplicación destes fondos para o ano 2021. Situación que está a xerar desconcerto e inquedanza en moitas explotacións nun ano que está a ser especialmente complicado no rural.

Así, as 4000 explotacións que teñen asociadas Medidas de Agroambiente e Clima non saben se a partires de 1 de xaneiro teñen que seguir co mesmo plan de explotación ou deben cambiar as rutinas de manexo do gando. Ao igual que as 58 entidades técnicas que dan cobertura á medida de aconsellamento asociada a estas explotacións non saben se deben continuar co seu traballo con normalidade a partires desa data ou se, pola contra, terán que proceder a algún tipo de axuste laboral temporal.

Tampouco está claro a día de hoxe se os orzamentos para a Medida de Agroambiente e Clima son unicamente para prorrogar compromisos actuais que caducan co remate do ano; ou se novas explotacións van ter a posibilidade de acceder a estes fondos e engancharse a esta medida, cuxo último ano de ingreso foi 2016.

Estas axudas de Agroambiente e Clima supoñen un importe 13,7 millóns de euros que perciben fundamentalmente explotacións gandeiras familiares de montaña, que teñen un insustituible papel na xestión de pastos e que á vez protexen o monte dos lumes pola súa función de corta lumes naturais. Para estas explotacións supoñen unha importante renda, especialmente nun ano marcado pola crise de demanda de carne de calidade polo descenso do turismo por causa da pandemia.

Unións Agrarias considera que a Consellería debería saír a informar de inmediato ao sector e despexar as dúbidas actuais. Asemade, unha vez que o 15 de decembro o Parlamento Europeo aprobou o Regulamento transitorio que permite a prórroga dos Plans de Desenvolvemento Rural para os anos 2021 e 2022, urxe que a Xunta de Galicia presente a Bruxelas a modificación do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia que permita a posta en marcha das medidas prorrogadas.

Desta reforma do PDR Unións Agrarias entende que ten que saír igualmente o reforzo da Medida Covid que dispoña de fondos adicionais para o sector da carne, golpeado pola caída da demanda producida pola pandemia. E de forma que inclúa entre os beneficiarios ás explotacións de ovino cabrún, fundamentais para manter a actividade e a prevención de lumes en determinadas zonas de montaña. Este sector tivo un decepcionante apoio dos fondos estatais, xa que de 10 millóns para España Galicia tivo asignados 62.700 euros, o que deu lugar a axudas ridículas por explotación, mesmo inferiores aos 10 euros nalgúns casos.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias