UUAA PIDE UNHA MODULACIÓN NAS AXUDAS CARA Á VITICULTURA SOCIAL

A organización valora positivamente o incremento orzamentario previsto na orde da Xunta

Santiago, 4 de xaneiro de 2021.- A liña de axudas ás adegas que ven de presentar a Consellería do Medio Rural para a reestruturación e mellora das explotacións vitivinícolas de Galicia resulta positiva para UUAA porque incrementa a partida orzamentaria prevista; co que se garante unha maior cobertura para o sector. Pero carece do desenvolvemento necesario para garantir unha modulación que prime a viticultura social de pequenas explotacións: as maioritarias en todas as denominacións de orixe de Galicia.

A organización agraria lembra que en zonas produtivas como O Ribeiro o 95% da produción recae en viticultores con menos de 2 hectáreas que, de non ser implementada a normativa, verán como a maior parte dos fondos irán a novas plantacións de grandes adegas. Algo que a medio prazo vai supoñer un cambio do modelo produtivo que deixaría a moitas comarcas do interior de Galicia sen o único activo económico que as mentén vivas.

Para UUAA resulta indispensable que a Consellería do Medio Rural faga público dunha vez o estudo de custos que afirma ter realizado, para poder coñecer con certeza a falta de viabilidade económica na que se atopan os produtores en todas as DOs de Galicia. E é que sen concretar estes baremos é imposible poder negociar un prezo para a uva que permita manter activa a produción vitícola galega.

Unións Agrarias insiste en reclamar da Xunta de Galicia que vincule calquera liña de liquidez ás adegas a que estas garantan a recollida da uva a prezos suficientes para cubrir os custos de produción. E que se obrigue a depositar os contratos de abastecemento nun rexistro público que permita certificar que estes cumpren coa lexislación vixente.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias