UUAA insta ao ministro a impulsar ferramentas para que a reforma da Lei de Cadea cumpra a súa función

O secretario xeral da organización aproveitou a visita de Luis Planas para expor a preocupación de agricultores e gandeiros respecto á nova norma de xestión de xurros e á nova PAC

Unha nova PAC que non penalice ás pequenas explotacións e ao modelo de gandería tradicional da cornixa cantábrica; unha normativa de xestión de xurros económica e tecnicamente asumible; e ferramentas efectivas que fagan posible que a reforma da Lei de Cadea acade o obxectivo para o que foi impulsada: relacións máis igualitarias entre produtores, industrias e distribución e prezos xustos para os produtos agrogandeiros. Foron os tres temas que o secretario xeral de Unións Agrarias puxo sobre a mesa na xuntanza mantida esta mañá co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación. Roberto García aproveitou o encontro mantido durante a visita de Luis Planas a Santiago de Compostela para trasladarlle a preocupación existente no rural galego respecto a estes tres asuntos. E amosou a súa confianza en que Goberno Central e Xunta saiban ir da man e colaborar en beneficio dos intereses dos agricultores e gandeiros da nosa Comunidade.

O secretario xeral de Unións espuxo as dúbidas existentes en relacicón ao plan que redifinirá a nova Política Agraria Común en España. “A cornisa cantábrica é das zonas que menos axudas da PAC percibe. Non podemos permitir que o modelo tradicional das nosas explotacións sexa o gran perxudicado pola nova reforma, que eliminará os dereitos históricos e pasará a primar a extensión. Sería unha incongruencia que as explotacións que menos perciben sexan tamén as que saian máis perxudicadas”, indicou García.

Tal e como explica o responsable de UUAA, “Galicia é a Comunidade con menos hectáreas admisibles no reparto das axudas da PAC: un elemento a ter en conta e a correxir. Tamén queremos pedir que a eliminación dos dereitos históricos se retrase o máis posible para facer unha transición moderada. E que o plan de redistribución ou complemento de axudas á renda das explotacións priorice ás de menor tamaño mediante un sistema que favoreza ás primeiras trinta hectáreas”, aseverou.

No que respecta á nova normativa sobre nutrición sostible dos solos, Roberto García amosou a súa sensibilidade cara á necesidade de mellorar e avanzar cara a prácticas máis sustentables. Porén, pediu cordura: “somos conscientes da necesidade de mellorar a xestión de xurros. Pero optar por un modelo homoxeneizante como o que recolle o borrador da nova norma sería unha condena para as pequenas e medianas explotacións de montaña e para o modelo de pastoreo tradicional. Aplicarlles as mesmas normas e requerimentos que a unha granxa intensiva carece de sentido: sería moi custoso económicamente e tamén técnicamente imposible en moitas zonas do rural galego debido ás características orográficas”, indicou.

Por último, o secretario xeral de Unións aproveitou o encontro co ministro para lembrar que moi pronto se iniciará a renovación de contratos de recollida no sector lácteo; e fixo un chamamento para que a nova negociación se impulse nun marco máis favorable aos intereses dos gandeiros e con todas as ferramentas precisas para conseguir prezos xustos para o leite á súa disposición. “Nos últimos anos realizáronse varias reformas para tratar de dotar de máis capacidade de negociación aos gandeiros que ano tras ano e de forma fraudulenta a industria vulnera. Nin os gandeiros teñen capacidade de negociar colectivamente neste momento (e a proba son os contratos de adhesión que as industrias impoñen); nin existen mecanismos de mediación. E tras esta última reforma da Lei de Cadea estamos a ver como a industria salva a obriga de fixar prezos superiores aos custos de produción introducindo unha simple cláusula no contrato que di que así é. Habendo como hai vontade política por parte da Xunta e do Goberno central para que os gandeiros senten e negocien en igualdade de condicións coa industria queremos pedirlles ás administracións que non perdan esta oportunidade e que os doten de ferramentas para facelo posible. Sen esas ferramentas cohercitivas e sen elementos de mediación por parte das administracións a situación manterase exactamente igual”, indicou o secretario xeral de Unións. Que fixo un chamamento para que, “unha vez feito o primeiro esforzo de modificar a Lei de Cadea, non deixemos que caia en saco roto: fai falla a figura do mediador, contar con custos de produción públicos e impulsar sancións ás industrias que non negocien o prezo do leite”, remarcou.

 

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias