En Galicia, así como noutras Comunidades do norte de España como Castela e León, Asturias ou Cantabria, o lobo está ben asentado e, segundo datos da propia Xunta de Galicia a súa presenza teríase incrementado nos últimos anos. A pesar diso, a Comisón de Patrimonio Natural do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico ven de anunciar a prohibición da caza desta especie. Unha decisión unilateral que se adopta sen ter en conta a realidade das zonas nas que vive este cánido; e que o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, comentou esta mañá para as cámaras de Televisión Española.
Calcúlase que o lobo mata en Galicia arredor de 4.000 cabezas de gando ao ano, das que unicamente o 60% aparece nos rexistros oficiais. Por que? Debido ás grandes trabas que os afectados atopan á hora de xustificar un ataque: se non queda constancia física a administración nega a axuda, e é habitual que o lobo devore enteiros moitos animais, sobre todo no caso de reses novas.
Dun xeito incongruente, o goberno central dá as costas aos gandeiros do norte do estado e obrígaos a cargar co custo económico da protección desta especie; pois nin se facilita e se axiliza a tramitación das axudas nin se habilitan fondos extraordinarios para cubrir o posible aumento dos ataques que se producirá sen o control das poboacións que a caza permitía nas zonas nas que o lobo puidese estar a realizar unha presión elevada sobre as ganderías e a poboación local.
Despois de meses escoitando falar do papel esencial de agricultores e gandeiros e da necesidade de reverter a problemática da España Baleirada; a prohibición da caza do lobo supón unha labazada para un sector no que os ingresos medios por traballador son un 40% inferiores aos da media. As rendas máis baixas obrigadas a asumir sen axuda o custo das políticas proteccionistas. A sustentabilidade e a viabilidade da gandería tradicional en mans de burócratas que deciden o futuro das nosas explotacións desde un despacho en Madrid.