Santiago, 15 de febreiro– Unións Agrarias fai un chamamento para que o Goberno central teña en conta a realidade e as necesidades das Comunidades do norte e lamenta que os novos plans para a protección do lobo do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico teñan sido deseñados coa ollada posta no sur de España. A organización agraria aposta por unha xestión integral das poboacións desta especie, de xeito que se garanta a persistencia e conservación da mesma que demanda a sociedade xunto coa convivencia coa gandeiría extensiva que se practica en Galicia.
A Organización Agraria quere mandar unha mensaxe de tranquilidade ao conxunto da sociedade galega: o lobo non está en perigo de extinción en Galicia e ninguén no rural galego avoga pola súa desaparición, senón pola convivencia garantizada por unha xestión das poboacións con criterios científicos e técnicos.
Esta xestión debe basearse en varios piares: a indemnización dos danos aos gandeiros, a xestión de restos de animais para unha alimentación disuasoria con criterios científcos e técnicos, e a caza reglada, igualmente con criterios científicos e técnicos. Así como mediante axudas para medidas preventivas.
Unións Agrarias quere destacar que a caza nunca foi unha ferramenta de xestión poboacional do lobo en Galicia: na última década abatiuse por medio da caza menos dun animal por ano. Non obstante, a organización entende que pechar esta posibilidade nunha normativa de ámbito estatal é un erro, xa que supón renunciar a unha ferramenta de xestión que non ten alternativa nos casos nos que se produza alarma social por ataques reiterados ás explotacións, mandas agresivas que se acheguen ao entorno das casas poñendo en risco a seguridade ou exemplares problemáticos que precisen de solución puntuais. Non hai que esquecer que o lobo é un superdepredador que está na pirámide da cadena trófica, carece de inimigos naturais e tan só á xestión por parte ser humano mediante caza controlada pode garantir o equilibrio das súas poboacións de xeito ordenado.
Asemade entendemos que unha alimentación disuasoria en determinadas épocas e lugares, asociada a un estrito seguimento técnico das necesidades de cada manda, pode axudar a aliviar a presión sobre as explotacións gandeiras. Para elo bastaría unha xestión intelixente das propias reses mortas (cuxo peso vivo duplica as necesidades de alimentación do lobo a día de hoxe) ou de parte dos restos dos 17.000 xabaríns que se abaten en Galicia en cada temporada de caza.
No tocante ás axudas Unións Agrarias lembra que é fundamental proceder á reforma do seu mecanismo de funcionamento de xeito que se cubra o valor real de cada res e o lucro cesante. Tamén é importante axilizar os tempos para conseguir que se paguen nun prazo máximo de dous meses ( e non permitir demoras de máis dun ano, como acontece na actualidade). Así como revisar o procedemento no caso de morte das reses sen restos; casos que actualmente quedan fóra do acceso ás liñas de axuda, e que veñan sendo rexeitados de maneira sistemática pola Xunta de Galicia, cun nivel de arquivo de expedientes do 25%.
Por último UUAA lembra a necesidade de facilitar axudas para a toma de medidas preventivas que permitan un manexo seguro do gando en extensivo. E reitera que só a xestión intelixente das poboacións do lobo, desde un enfoque multidisciplinar e mediante diferentes medidas converxentes, vai permitir conservar esta especie á vez que garantir que non supoña un problema no medio rural galego; tanto para a viabilidade das explotacións gandeiras como para a seguridade das persoas e familias que habitan nel.