Santiago, 23 de febreiro de 2021.- Unións Agrarias denuncia que as principais industrias que operan en Galicia están promovendo a sinatura de contratos de aprovisionamento de leite nas explotacións sen ter en conta o importante incremento dos custos de produción derivado da suba dos preparados para a alimentación animal. Unha escalada de máis dun 20% que sitúa os prezos dos pensos nunha banda que oscila entre 25 e 42 euros por tonelada, dependendo da tipoloxía dos mesmos. E que pode supoñer un sobrecusto mensual de 2,7 millóns de euros no conxunto das 7.000 explotacións de leite que aínda operan en Galicia. Hai que ter en conta que para a produción dun litro de leite precísase unha ración 400 gramos de concentrado.
Tel e como explica a organización agraria, neste contexto non se entende a actitude oportunista das industrias; máis aínda cando estas están vendo como se incrementan os seus beneficios grazas á revalorización imparable dos derivados industriais. En Europa, o leite en pó sitúase en 236 euros / 100 Kg., tras una suba do 2,3% nun mes. En tanto que a manteiga cotiza a 355 euros / 100 Kg. (+2% nun mes), acadando un valor de récord grazas ás compras masivas de China deste tipo de produtos.
Unións Agrarias fai un chamamento ás administracións para que se manteñan vixiantes ante unhas prácticas que contraveñen gravemente a normativa derivada da Lei da Cadea Alimentaria; que estipula que á hora de asinar os contratos se teñen que ter en conta todas as variables que operan no mercado.
En paralelo Unións Agrarias insiste tamén na importancia de ampliar a superficie agraria útil das explotacións galegas. Os prezos da terra en Galicia son moito máis elevados que noutras comunidades autónomas; e a falta de terra é un problema tradicional da agricultura e da gandería de Galicia; que nos últimos anos ten experimentado cambios substanciais que aumentan os riscos económicos das granxas.
Unións Agrarias lembra que o tamaño medio das explotacións galegas é inferior ao comunitario; o que vai supoñer un reto de grandes dimensións para a nosa Comunidade nun escenario caracterizado polo endebedamento que arrastran gran parte delas, a debilidade da industria láctea e os enormes desequilibrios e a falta de articulación das relacións entre produtores, industrias e distribución. Para contrapesar esta realidade a gandería de leite de Galicia debe orientarse cara a modelos produtivos baseados nos recursos forraxeiros e menos dependentes da compra de concentrados para a alimentación do gando.