Unións Agrarias únese ao calendario de mobilizacións contra a inclusión do lobo no LESPRE impulsado a nivel estatal por UPA, COAG e ASAJA que este venres arrincará en Asturias. A organización quere evidenciar o malestar existente no rural galego en relación á decisión do Ministerio para a Transición Ecolóxica cun acto ás portas da Delegación do Goberno na Coruña previsto para o martes día 9 de marzo. Unha iniciativa que quere servir de reclamación para que o departamento que dirixe Teresa Ribera recapacite e non impulse medidas precipitadas sen contar cos principais afectados.
“Pedímoslle ao Ministerio que paralice a decisión de incluír o lobo no listado de especies protexidas LESPRE e que poña en marcha unha mesa de diálogo que nos permita traballar para crear ferramentas reais para o mantemento do lobo; sen poñer en risco o modelo tradicional de gandería en extensivo”. Así o indicou o secretario xeral de UUAA nunha rolda de prensa telemática na que o responsable da organización avogou por “buscar fórmulas alternativas para que o crecemento do lobo sexa ordenado e sexa posible seguir convivindo con el sen que iso supoña unha merma económica irreversible para as explotacións”.
Unións Agrarias avoga por un diálogo a nivel estatal que debía ter precedido á decisión do Ministerio de aumentar o nivel de protección do lobo. Un diálogo que, chegamos a este punto, a organización aspira a impulsar en paralelo ao que a Consellería de Medio Ambiente se ten comprometido a poñer en marcha a nivel galego. “Temos o compromiso da Consellería de Medio Ambiente de iniciar nas próximas semanas unha mesa de traballo para reformular as axudas por danos”, informou Roberto García. Que lembrou que “as actuais apenas cubren o 50% do valor dos animais mortos e non teñen en conta o lucro cesante. Ademais, máis do 25% das denuncias realizadas cada ano quedan sen pagar por non poder acreditar que se trata de danos do lobo” debido ás esixencias de restos que esixe a administración. “Entendemos que non corresponde ao gandeiro demostrar que foi o lobo quen causou o dano; en todo caso debe ser a administración a que demostre que non foi así. Cremos que se está recurrindo a este argumento para denegar axudas por falta de orzamento”, aseverou o secretario xeral de Unións. Que apelou tamén a unha modificación no que ten que ver cos tempos: “non é normal que a día de hoxe siga habendo danos de 2019 sen pagar: as axudas deben ser áxiles, porque o actual modelo desincentiva, provoca cansanzo e fai que moitos dos damnificados renuncien a denunciar”, explicou.