Sarria, 2 de marzo 2021.- Unións Agrarias denuncia o abandono por parte da Consellería do Medio Rural para controlar a praga de ratas toupa nos concellos da montaña de Lugo. A organización agraria lamenta o desleixo da administración autonómica; que ten deixado pasar máis de dous anos ata a posta en marcha da primeira actuación ao respecto: un plan piloto que non foi máis ca un ensaio que non chegou mais aló, pois pasados os meses desde o seu inicio a fase de erradicación aínda segue sen concretarse.
UUAA considera inaceptable que en todo este tempo a Xunta de Galicia teña feito ouvidos xordos ás peticións de axuda afectados; e que non se teña habilitado ningunha liña de axudas para paliar os cuantiosos danos.
Unións Agrarias non entende que, a pesar das reiteradas peticións de axuda lanzadas pola organización, a Xunta de Galicia teña adiado calquera medida ao respecto. “A posta en marcha de ensaios para probar distintos métodos para o control da praga realizados por persoal de TRAGSA en distintas fincas da zona chegou moi tarde. E dá boa mostra do escaso compromiso da administración cara aos problemas que afectan ao noso medio rural”.
Unións Agrarias lamenta que, máis aló destes trampeos experimentais, o goberno galego non conte cun plan de acción integral nin orzamento destinado á erradicación desta praga de roedores na totalidade da superficie afectada. Pola contra, as informacións dispoñibles apuntan que a Consellería pensa deixar en mans dos afectados a instalación dos trampeos. Actuacións que terían un custo económico engadido aos cuantiosos danos que estes animais levan xa moitos meses provocando ante a pasividade do goberno galego.
UUAA lamenta que a Xunta de Galicia non teña tomado exemplo doutras comunidades autónomas da cornixa cantábrica como o Principado de Asturias; que no 2017 habilitou axudas de 700 euros por hectárea nas pradeiras de sega e 380 euros nas de pastoreo para os gandeiros afectados por un andazo similar ao que padece a montaña lucense.
En marzo de 2019 agricultores e gandeiros da contorna de Becerreá e Triacastela daban a voz de alarma ante os destrozos que uns pequenos roedores estaban a causar nos prados da zona. Un problema que non deixou de medrar, e que se ten extendido aos municipios das Nogais, Baralla, Cervantes, Folgoso do Courel, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro e Samos. Máis de 1.600 hectáreas e 3.000 parcelas afectadas, segundo os cálculos da propia Consellería.