Santiago, 3 de marzo de 2021.- A Consellería de Medio Ambiente, por voz da directora xeral de Patrimonio Natural, Belén Docampo, acordou hoxe a petición de Unións Agrarias a apertura dunha mesa de traballo para actualizar o modelo de xestión dos danos que os ataques de lobo provocan na gandería. Un marco de análise no que, tal e como destaca a organización agraria, a actualización do sistema de cobro de indemnizacións debe ser unha cuestión prioritaria.
Unións Agrarias lembra que na actualidade a Xunta de Galicia está a tardar máis de nove meses en librar as axudas por perdas. Unha tardanza excesiva que debe ser correxida; e que a organización agraria confía en que poida verse reducida a un máximo de tres meses.
Desde a organización agraria tamén se fai fincapé na necesidade de incorporar ás liñas de compensación o lucro cesante que padece o gandeiro coa perda de cada animal. E tamén reclama que se actualicen as táboas de valoración por animal morto, xa que ata agora apenas acadan o 50% do seu valor. Do mesmo xeito, o secretario xeral de UUAA, Roberto García, aproveitou a xuntanza telemática celebrada hoxe para trasladar que “ resulta imprescindible revisar a casuística da morte das reses sen restos completos, porque está provocando que actualmente se rexeiten o 25% das solicitudes de axudas por parte da Xunta de Galicia”. Para logralo é necesario que se invirta a carga da proba para que non teñan que ser os gandeiros os que demostren os danos.
No marco da reunión, Unións Agrarias mantivo o seu total rexeitamento á inclusión do lobo no rexistro do LESPRE por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Unha decisión que non responde nin a criterios científicos nin se tomou tendo en conta ás Comunidades Autónomas mais afectadas. Para denunciar esta situación a organización sindical mantén a súa convocatoria de mobilización, diante da Delegación do Goberno na Coruña o vindeiro día 9 de marzo.
UUAA entende que a conservación non debe deixar de lado a xestión; e aposta pola aplicación de medidas inmediatas nas principais zonas afectadas, como a alimentación diasuasoria e o mantemento de medidas de control das mandas. A organización lembra que existen explotacións sensibles que están moi ameazadas de peche polo efecto do lobo; como as de cabalo do país, as de ovino pola súa indefensión, e as de vacún de carne en extensivo. Actividades que poden chegar a ser impracticables en certas áreas de montaña debido á presión exercida polo lobo; e que ademais non teñen alternativa económica.
Unións Agrarias lembra que a renda media dun titular dunha explotación en Galicia apenas acada o 70% do salario mínimo interprofesional; polo que dificilmente o sector pode facer fronte aos danos do lobo, que no último exercicio superaron o millón de euros; e aos que hai que sumar os 14 millóns de euros en danos causados polo xabaril.