UUAA reclama unha xestión do lobo que non deixe desprotexida á gandería tradicional

Organizou unha concentración ás portas da Delegación do Goberno na Coruña

Unións Agrarias convocou hoxe unha concentración ás portas da Delegación do Goberno na Coruña para amosar o malestar existente no sector gandeiro a raíz da decisión do Ministerio para a Transición Ecolóxica de incluír o lobo no listado de especies de especial protección LESPRE. Membros da organización e gandeiros congregáronse ás portas dese edificio para apelar á responsabilidade e ao sentido común e reclamar unha xestión desta especie que non deixe na estacada ao medio rural.

Unións Agrarias considera inaceptable que o departamento que dirixe Teresa Ribera tomase unha decisión que afecta directamente á gandería tradicional sen ter en conta a este sector nin escoitar o seu punto de vista. Así o explicou o secretario xeral da organización, que puxo o foco sobre os problemas que a xestión desta especie xa arrastraba debido ao ineficaz e insuficiente sistema de pago dos danos ocasionados por ela.

O obscurantismo do Ministerio ten creado malestar na poboación rural, que non entende que 9 Comunidades que apenas teñen o 3% do lobo de toda España decidan sobre o futuro das que acallen máis do 95% desta especie. E máis aínda: que se ignore aos que conviven con ela e a alimentan.

Nos últimos dez anos o lobo foi o responsable da morte de 20.000 cabezas de gando na nosa Comunidade. Unha realidade que o sector exige sexa tida en conta. Porén, o que se reclama non é a cacería indiscriminada nin as matanzas de lobos. Algo que xa non viña acontecendo, tal e como desmotran os datos da Xunta, que rexistran 60 batidas autorizadas e 11 animais capturados na última década. “O que non pode ser é que en zonas onde se demostre unha alta presión sobre a gandería a poboación non conte con ningún instrumento de xestión: xa non para abater lobos, senón para desprazalos”.

Unións Agrarias lembra que a especial protección do lobo acordouse sen datos reais, pois os censos dispoñibles levan anos sen actualizarse. Do que si hai constancia é dun aumento do 126% dos danos provocados por esta especie á ganadería. Nese senso, a organización pon o foco na urxente necesidade de actualizar o sistema de indemnización para que sexa áxil e realista. “O que non pode ser é que a día de hoxe haxa gandeiros que aínda non cobraron ataques de 2019”, lembrou o secretario xeral de Unións. Que tamén reivindicou unha taxación dos animais acorde ao prezo de mercado, e que teña en conta o lucro cesante. Así como a inversión da proba no procedemento, que actualmente deixa fóra os casos nos que non queden restos físicos suficientes do animal atacado.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias