Santiago, 3 de marzo de 2021.- A organización Unións Agrarias ven de renovar os seus órganos de goberno no marco do 11º Congreso Nacional que tivo lugar hoxe en Santiago de Compostela nun formato reducido para dar cumprimento ás normas sanitarias contra a Covid-19. Nesta convocatoria á que foron chamados 98 delegados, o lema elixido foi “O noso traballo non se regala, PREZOS XUSTOS!”. Mensaxe coa que a organización quixo poñer de manifesto a importancia de manter un rural vivo a través dunhas rendas dignas para uns produtores e produtoras aos que a que crise do coronavirus conseguiu evidenciar como estratéxicos para a alimentación do conxunto da poboación.
A nova CENG, que recibiu o apoio do 97,34% dos delegados e delegadas, queda composta por Roberto García, secretario Xeral; Javier López Iglesias, secretario de Organización, Administración e Área Interna; Félix Porto Serantes, secretario de Coordinación Sectorial e Área Externa; José Rodríguez Blanco, secretario de Servizos; Verónica Marcos Arrojo, secretaria de Igualdade; e Begoña Liñares García e Josefa Álvarez Araujo como secretarias executivas.
No acto de inauguración participaron o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; o secretario xeral do UGT Galicia, José Antonio Gómez Gómez; e o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo. Pola súa banda, para a clausura do Congreso tomaron a palabra o secretario xeral de UPA, Lorenzo Ramos; o secretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero; e, pechando o turno de intervencións, Roberto García, secretario Xeral de UUAA.
O líder de Unións Agrarias fixo un repaso polas distintas problemáticas que afrontan os sectores produtivos galegos, que en xeral pasan pola falta dun marco normativo firme que permita a viticultores, gandeiros ou produtores de horta competir en pé de igualdade cos de outras zonas agropecuarias da UE que si o teñen articulado.
O sector agroalimentario ten grandes retos que afrontar; como son a elaboración de custos públicos de referencia; a ampliación da base territorial das explotacións; a caída de prezos en orixe polas importacións de países terceiros; a valorización dos recursos forestais; o avellentamento da poboación agraria; o relevo xeracional e a incorporación de mozos; o acceso das mulleres á titularidade das explotacións; o reto da dixitalización; a eficiencia enerxética; as esixencias na loita contra o cambio climático e a perda de biodiversidade; o benestar e a sanidade animal; a mellora xenética; a xestión da fauna salvaxe; a contracción de servizos públicos no rural… Cuestións que aínda están pendentes de abordar de xeito decidido e que formarán parte da axenda política unha vez que pase a pandemia de COVID-19.
O secretario xeral de Unións tamén lembrou o novo escenario que está por vir coa nova PAC, que dá aos gobernos unha ampla marxe de manobra para que sexan eles os que definan nos seus respectivos plans estratéxicos as accións que, de acordo cuns obxectivos xerais marcados pola UE, consideren máis adecuadas para avanzar.
[button link=”https://www.unionsagrarias.org/galeria-fotografica-do-11o-congreso/” newwindow=”yes”] A xornada en imaxes[/button]