Santiago, 16 de marzo de 2021.- Os servizos xurídicos de Unións Agrarias están logrando que o Tribunal Económico-Administrativo Rexional de Galicia resolva a favor de que as transmisións de Dereitos de Pago Único da PAC entre cónxuxes en réxime de gananciais non teñan que tributar diante da AEAT.
Esta é unha reivindicación na que UUAA leva traballando desde 2015 por entender que cando un dos titulares dunha explotación cesa a actividade e cede os dereitos ao seu cónxuxe esa cesión non debe tributar; xa que non procede á transmisión a un terceiro dos dereitos de pagamento único que no seu día lle foran asignados polo Fondo de Garantía Agraria (FOGGA); senón ao cambio da titularidade administrativa da explotación agraria familiar no seu conxunto. Ata o de agora a Axencia Tributaria esixía facer unha declaración paralela de IRPF por montantes que podían chegar ata 6.000 euros e cunha media que non baixaba de 3.000 euros por transmisión. O que viña a supoñer unha carga completamente desmedida e inxusta para as rendas das explotacións.
A organización agraria ten na actualidade máis de 40 procedementos deste tipo en curso no TEAG correspondentes a casos que veñen desde 2013. UUAA esixe una cambio definitivo de criterio por parte da AEAT para evitar que os produtores teñen que chegar á vía xudicial para corrixir unha política tributaria inxusta e punitiva.
Hai que lembrar que mentres non se logra unha resolución favorable por parte do TEAG o contribuínte debe seguir pagando os impostos aínda que estes sexan inxustos; co que iso supón para as contas de resultados dunha explotación. Unións Agrarias tamén está loitando porque a transmisión entre pais e fillos estea exenta de tributación e porque os tramos contributivos sexan máis xustos e equilibrados.