UUAA denuncia o emprego da leituga como produto reclamo por parte da distribución

Cunha baixada do prezo de venda ao público de máis do 50%, Mercadona, Gadis, Lidl e Dia están a afogar aos produtores galegos

Santiago, 25 de marzo– Unións Agrarias denuncia a inaceptable actitude das grandes cadeas de distribución; que levan meses empregando a leituga como produto reclamo e propiciando unha caída de prezos que está a afogar aos produtores galegos. Dende o inicio da pandemia o prezo de venda ao público desta hortaliza baixou en máis dun 50%. Unha situación que está a provocar un efecto arrastre e devaluando os ingresos dos agricultores galegos.

O que arrincou como unha inciativa de Mercadona, que hai algún meses comezou a vender as leitugas ao peso en lugar de por unidade; en seguida provocou unha caída do prezo desta hortaliza que Gadis, Lidl e Día non dubidaron en aproveitar. O que ten levado a unha devaluación xeralizada deste produto por parte da distribución que está a afogar aos produtores e a deixar sen marxe de beneficio a un sector esencial.

Dende o inicio da pandemia o sector primario fixo gala dunha actitude exemplar e continuou a traballar para garantir o subministro alimentario do conxunto da poboación, deixando á marxe os problemas de baixos prezos. Porén, a distribución non tivo repartos en aproveitar a coxuntura para facer negocio a costa do esforzo alleo.

Unións Agrarias critica a inaceptable actitude das grandes cadeas de supermercados que están a vender a leituga a 35 céntimos: máis dun 50% menos do prezo de venda ao público habitual, e moi por debaixo dos 48 que os agricultores viñan cobrando. A organización agraria fai un chamamento á responsabilidade e insta a Mercadona, Gadis, Lidl e Dia a recapacitar. Ao tempo que reclama que as administracións tomen parte e actúen con contundencia ante unhas prácticas que devalúan as producións agrícolas o que supoñen un duro ataque á rendabilidade dos agricultores galegos.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias