UUAA insta á FEGAMP a intervir para eliminar os custosos efectos do catastrazo no rural

Apela á colaboración dos concellos para conseguir unha política fiscal xusta e homoxénea para o conxunto da Comunidade

Unións Agrarias solicita a colaboración da Federación Galega de Municipios e Provincias para conseguir que o rural galego deixe de padecer os efectos do catastrazo. Representantes da organización agraria reuníronse co presidente da FEGAMP para exporlle o inxusto sobrecusto fiscal que a revisión catastral realizada entre 2013 e 2018 segue a ter para as construcións rústicas. E apelaron á comprensión dos consistorios para que estes apliquen as bonificacións que permite a normativa vixente; e contribúan así á posta en marcha dunha política fiscal homoxénea que non penalice a agricultores e gandeiros.

Despois da revisión catastral realizada ao abeiro das disposición do MInisterio de Facenda máis coñecida como “catastrazo”, milleiros de propiedas rústicas como galpóns, naves, cortes, alpendres ou invernadoiros comezaron a tributar; a maior parte das veces por valores de bases impositivas ou cotas de liquidación que están fóra da realidade económica do rural galego e da capacidade do noso sector primario. Porén, a norma prevé a posibilidade de aplicar bonificacións que poden chegar mesmo ao 95% da cota impositiva. Unha posibilidade que, pese a existir, apenas 72 de 313 concellos de Galicia teñen posto en marcha.

Sempre dende o respecto á automía municipal, Unións Agrarias apela á boa vontade dos gobernos locais e solita a intervención da FEGAMP para solventar unha situación que supón un importante sobrecusto económico para as exiguas rendas do rural galego.

A organización destaca que a posta en marcha das posibles bonificacións está a ser moi lenta e desigual; creando unha situación heteroxénea, mesmo entre concellos limítrofes que comparten realidade social e produtiva. Algo que está a xerar inquedanza e situacións de agravio contributivo; ademais de constituír unha carta fiscal moitas veces inasumible, tanto para explotacións con rendas por debaixo do salario mínimo interprofesional como para persoas retiradas que cobran pensións de xubilación agraria baixas.

Así as cousas, Unións Agrias apela á comprensión dos concellos e anímaos a poñer en marcha as bonificacións que a norma lles permite aplicar de xeito voluntario. Algo que permitiría avanzar cara a unha tributación equilibrada no IBI aos bens de natureza rústica adscritos á actividade agraria. E beneficiaría tamén a pensionistas, que en moitos casos seguen véndose na obriga de asumir o custo derivado destas instalacións pola falta de posibilidades reais de rendabilizalas a través da venda ou do aluguer.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias