Santiago, 30 de marzo de 2021– Unións Agrarias solicita a colaboración das cadeas de distribución para poñer en valor os cultivos dos agricultores galegos. Tras ter detectado o emprego da leituga como produto reclamo, a organización fai un chamamento para que os grandes supermercados deixen de incorrer en prácticas que poñen en risco a viabilidade do sector primario da nosa Comunidade. E anima aos consumidores e apostar pola maior calidade e frescura que garanten os produtos de proximidade. Con ese obxectivo, nos vindeiros días realizará un acto público de sensibilización.
Despois de que Unións Agrarias denunciara hai uns días a venda de leituga a 0,35€ en Gadis esta cadea de supermercados optou por subir o prezo deste vexetal. De calquera xeito, UUAA lembra que os 0,44€ aos que este luns se vendía nesta cadea tanto a variedade lisa como a rizada seguen a supoñer un claro caso de venda a perdas; habida conta de que os custos de produción da leituga situábanse xa no 2011 nos 0,44 €/unidade.
En vista da tendencia detectada coa leituga, que tant Gadis como Mercadona, Lidl e Dia comezaron a empregar nos últimos meses como reclamo; Unións Agrarias solicitará unha xuntanza coa distribución para tentar poñer freo a unhas prácticas que destrúen a cadea de valor dos produtos do campo e atentan contra a rendabilidade dos produtores locais.
Do mesmo xeito, a organización pon o foco nas vantaxes que supón a aposta polos produtos de proximidade. E iniciará unha campaña informativa para animar aos consumidores a fixarse na orixe dos produtos frescos que consumen.
Tanto as leitugas como outros vexetais subministrados polos agricultores galegos ás grandes cadeas son recolectados no mesmo día do envío ao punto de venda. Dese xeito os tempos da horta ao consumidor limítanse a unhas poucas horas e é posible garantir a máxima frescura. Garantía que non existe no caso dos vexetais importados de países como Portugal, Marrocos ou Bélxica, habituais nos puntos de venda do noso país.
Unións Agrarias lembra que dende o inicio da pandemia o sector primario fixo gala dunha actitude exemplar e continuou a traballar para garantir o subministro alimentario do conxunto da poboación, deixando á marxe os problemas de baixos prezos que viña arrastrando. Nese senso, a organización considera inaceptable que a distribución aproveite a coxuntura para facer negocio a costa do esforzo dos agricultores. E insta aos consumidores a apoiar aos produtores locais fixándose na etiquetaxe e enchendo a cesta da compra con frescos de proximidade.
Nos últimos meses as grandes cadeas de supermercados comezaron a vender a leituga a 35 céntimos: unha cifra que supón unha caída de máis dun 50% do prezo de venda ao público que viña sendo habitual, e que non alcanza para cubrir os 44 céntimos que xa no 2011 custaba producila. A organización agraria fai un chamamento á responsabilidade e insta a Mercadona, Gadis, Lidl e Dia a recapacitar, a apostar pola orixe galega e a optar por un apoio ao tecido agrario local que supón ademais maiores garantías de calidade e frescura para os seus consumidores.