UUAA reclama intervención pública para frear os abusos das industrias lácteas

Só na provincia de Lugo, unha das principais zonas produtoras do estado, no último ano pecharon 164 explotacións

“O custo medio de producir un litro de leite en España é de 35 céntimos. As administración teñen eses datos: saben canto cobran os produtores, canto pagan as industrias e cal é o prezo de venda ao público. Non se pode permitir que os gandeiros do estado cobren de media 34 céntimos; e en Galicia 33. Alguén terá que explicar por que o simple feito de atravesar a ponte que une Ribadeo con Vegadeo fai que dunha banda o leite se cobre a 0,36 e da outra a 0,33”. Así falaba esta mañá o responsable de Coordianción Sectorial e Área Externa de Unións Agrarias. Que reclamou unha urxente intervención pública que poña freo aos desmáns das industrias e garanta o cumprimento da Lei de Cadea Alimentaria.

Nunha comparecencia ante os medios de comunicación, Félix Porto puxo o foco sobre a especial afectación que os incumprimentos das industrias están a ter sobre o tecido produtivo da provincia de Lugo. Un área que, co 43,6% dos produtores de leite galegos e o 24,3% dos do conxunto de España, “é unha potencia leiteira” e unha das principais zonas produtoras do estado. “Produce o 44,9% do leite galego e o 17,7% do de España e conta con case 3.000 produtores: 2.930. Sen embargo, de xaneiro de 2020 a xaneiro de 2021 deixamos no camiño 164”.

Entre 2019 e 2020 a produción de leite aumentou nun 3,9% en Galicia. E, concretamente, Lugo facturou 16 millóns de euros máis. Así o explicou o voceiro de Unións, que lembrou que durante a pandemia aumentou tamén o consumo de lácteos e os produtos industriais están a experimentar un repunte; “co cal os beneficios das industrias aumentan”.

Nese contexto, para Unións Agrarias resulta especialmente grave a actitude das industrias, que nos últimos meses veñen desenvolvendo unha “ficción de negociación, limitándose a lanzar unha oferta para os novos contratos de recollida do leite idéntica ao do ano anterior; e resistíronse a introducir a máis mínima modificación. Estamos ante unha imposición: contratos de adhesión que ao gandeiro tan só lle queda asinar ou tirar co leite”. E nos que os prezos ofertados se sitúan moi por debaixo dos custos de produción que recollen os estudos máis recentes.

“As industrias están burlando a obriga de cubrir custos de produción que fixa a Lei de Cadea introducindo unha cláusula nos contratos que di que o prezo pactado cubre eses custos de produción. É hora de actuar. As administración deben poñer en marcha mecanismos para facer cumprir a lei e garantir prezos xustos para o leite”, inidou o voceiro da organización agraria.

Unións Agrarias insta ao Ministerio de Agricultura “deixar de ollar para outro lado” e tomar cartas no asunto. “O Ministerio de Agricultura coñece o estudo de custos de produción que se ten realizado, sabe o que se está pagando aos produtores e a canto se vende ao público o leite. É momento de deixar de mirar para outro lado e activar os mecanismos necesarios, a través da AICA, para iniciar de oficio un procedemento que permita solucionar dunha vez por todas unha situación que ano a ano está levando explotacións lácteas por diante”, asevera Porto.

O responsable de Área Externa de Unións tamén puxo o foco sobre o papel do goberno galego, e criticou que a Xunta de Galicia impulse liñas de axudas ás industrias sen ningún tipo de esixencia en relación ás obrigas destas cos produtores.

“Aumenta a produción, aumenta o consumo e o mercado dos produtos industrias marcha ben. Porén, as industrias resístense a que a mellora chegue aos prezos que perciben os produtores. Estamos nunha situación complicada e difícil. Cada vez a marxe das explotacións é menor, polo que estas se ven na obriga de producir máis para saír adiante”, explicou Porto. Que lembrou que nos últimos meses o custo de producir un litro de leite encareceuse en 1,5 céntimos fronto do aumento dos custos de alimentación do gando, enerxía e man de obra nas explotacións.

O responsable de Coordinación Sectorial de UUAA lembrou que tamén “a comercialización das vacas de desvelle e becerros atravesa un momento complicado, e os prezos teñen baixado considerablemente. Como tamén baixaron os ingresos procedentes da PAC que axudaban a compensar os baixos prezos do leite. Necesitamos algún tipo de mecanismo que evite o regueiro de impagos de primeiros compradores que vai quedando polo noso territorio, e que ano tras ano se traduce no peche de granxas”, remarcou.

 

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias