UUAA fai un chamamento para conseguir que a Lei de Cadea se cumpra na horta galega

Reclama o respaldo de consumidores, distribución e Xunta de Galicia para poñer en valor os cultivos locais e frear a venda a perdas

7 de abril de 2021- Unións Agrarias alerta da situación de desamparo que atravesan os produtores galegos de horta e fai un chamamento á sensibilidade para dignificar os cultivos locais e garantizar a rendabilidade dun sector que aglutina arredor de mil agricultores en Galicia. A organización saiu hoxe á rúa para visibilizar os problemas duns produtores que levan meses vendo como os produtos son empregados como reclamo con ofertas abusivas que forzan prezos en orixe á baixa e que demasiado a miúdo non deixan marxe para a rendabilidade das explotacións. Fíxoo repartindo mil leitugas entre os viandantes que pasaron pola compostelana praza do Toural; que puideron levar para a casa a proba da máxima frescura e caldiade que garanten os produtos de proximidade.

O responsable de Coordinación Sectorial de Unións Agrarias fixo un chamamento á administración para conseguir que a Lei de Cadea se cumpra na horta galega. “Non existe un observatorio público que permita saber cales son os custos de produción, e hai máis de dez anos que na web da Xunta non se actualizan os datos deste sector”, apuntou Félix Porto.

UUAA fai un chamamento á distribución para que deixe de empregar os produtos da horta como reclamo. A organización alerta da preocupación existente no sector a causa das prácticas abusivas detectadas nas últimas semanas; coa venda da leituga a uns prezos que estaban deixando sen marxe de beneficio aos produtores. Ademais, reclama unha etiquetaxe clara que permita aos consumidores distinguir a orixe dos produtos frescos. “Non temos garantías de que os que chegan doutros países como Marrocos ou Portugal se produzan seguindo os altos estándares de calidade que seguen os cultivos do noso país. Para que no punto de venda hoxe haxa leitugas un produtor galego ergueuse ás cinco da mañá e cortou as leitugas para levalas ata alí. Por iso ten que haber unha diferenciación clara na etiquetaxe”.

Unións Agrarias tamén destaca a responsabilidade coa que actuou o sector primario; que deixou á marxe as reclamacións de prezos xustos que viña impulsando antes da pandemia para centrarse en producir e garantir o abastecemento alimentario do conxunto da poboación. “Non se entende a discriminación negativa cara aos produtores do noso país, por iso reclamamos que se pare dunha vez por todas ese tipo de prácticas”.

“Os consumidores deben ser conscientes da diferencia que implica mercar unha leituga do noso país ou unha chegada de terceiro países: que nin se corta no mesmo día nin cumpre cos mesmos estándares de calidade que o produto local”, explicou o responsable de Coordinación Sectorial de Unións; que fixo un chamamento á colaboración de distribución, Xunta de Galicia e cidadanía para rematar cos abusos que padece a horta galega.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias