UUAA denuncia a pasividade do Ministerio ante a venda a perdas no sector lácteo

Se un gandeiro galego cobrase o mesmo que un asturiano a facturación do sector aumentaría en 8,5 millóns de euros só na provincia de Pontevedra

O responsable da Área de Sector Lácteo de Unións Agrarias insta ao Ministerio a deixar de ollar para outro lado e actuar con contundencia ante a venda a perdas que as industrias lácteas seguen a forzar no conxunto do estado. Óscar Pose volveu lembrar hoxe os custos de referencia que marca o estudo máis recente, elaborado polo propio Ministerio; e que unicamente os gandeiros de Asturias estarían a ver cubertos neste momento.

Se un gandeiro galego cobrase o mesmo que un asturiano a facturación do sector aumentaría en 8,5 millóns de euros só na provincia de Pontevedra; ou en máis de 5 se os nosos produtores chegasen simplemente a acadar o prezo medio para o conxunto do estado.

Para Unións Agrarias resulta incomprensible e totalmente intolerable que o goberno central permaneza de brazos cruzados a sabendas dos 32,7 céntimos que os gandeiros galegos ingresaron por litro de leite no mes de febreiro; e dos 35 que, segundo os propios datos do Ministerio, custa producilo. Así o resaltou Óscar Pose, que tamén denunciou a “innoral” actitude das industrias; que a pesar da obriga de pagar por enriba de custos que establece a Lei de Cadea se resisten a mover nin unha soa coma na negociación dos contratos de recollida do leite para o próximo ano.

Tal e como destacou o responsable de Séctor Lácteo de Unións, o proceder das industrias resulta especialmente flagrante habida conta do aumento de beneficios que estas levan meses rexistrando debido ao aumento do consumo e da boa marcha das cotizacións de derivados lácteos como a manteiga ou o leite en pó. Mellora que hai que contrapor ao descenso da rendabilidade que a suba do prezo dos cereais para alimentación do gando supón para as explotacións. E que está a supoñer un aumento dos custos de produción aproximado do 20% para as granxas.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias