UUAA demanda axudas que alivien a desesperada situación das explotacións de carne

Desde o inicio da pandemia os ingresos do sector caeron en 18 millóns de euros

16 de abril de 2020– Unións Agrarias insta á Xunta a activar coa máxima urxencia axudas directas á renda das explotacións de carne de vacún galegas. A organización alerta da situación límite que estas están a atravesar; e lanza un SOS para que a administración tome cartas no asunto e actúe canto antes.

Os gandeiros galegos cobran hoxe 60 euros menos do que ingresaban en 2019 por cada becerro vendido. Desde o inicio da crise da Covid-19 os ingresos das explotacións de vacún de carne caeron nun 5%; deixando nunha situación máis que complicada a un sector que xa antes da pandemia viña arrastrando importantes problemas no que a prezos e rendabilidade se refire.

A caída dos prezos en orixe motivada pola Covid fixo que as explotacións galegas de vacún de carne deixases de ingresar 18 millóns de euros. Contía moi superior aos 7 millóns en axudas que a Xunta de Galicia activara meses atrás. E que se ben nun primeiro momento supuxeron un desafogo para as mermadas economías de gandeiras e gandeiros; pasados os meses e sen vistas de recuperación de pouco teñen valido.

As explotacións galegas levan máis dun ano esforzándose por manterse a flote tirando de aforros e endebedamento. Hoxe, por cada quilo de carne producido apenas teñen a posibilidade de repercutir 20 céntimos aos salarios dos seus traballadores. O que supón un serio risco para a súa viabilidade a medio prazo.

Falamos de 22.000 explotacións, das cales en torno a 10.500 son profesionais e xeran entorno a 200.000 reses. Un cuarto das explotacións do estado que son ademais fundamentais desde o punto de vista demográfico. Cabe lembrar que falar de gandería en Galicia é moito máis que falar de economía. Trátase dun sector vertebrador fundamental para a subsistencia das zonas de montaña e para aquelas máis afectadas polo despoboamento. Sector que xera arredor de 20.000 postos de traballo en concellos cunha media de poboación entorno aos mil habitantes. “Son imprescindibles, son fundamentais e están a sufrir unha situación moi dura”. Polo que Unións Agrarias insta á Xunta a actuar con urxencia para garantir a súa subsistencia.

A falta dun observatorio público que fixe custos de produción de referencia, os datos cos que conta a organización permiten fixar un custo de produción mínimo de 4,30 € por quilo de carne para unha explotación media de 43 vacas e 40 hectáreas, dun 10% de recría e sen cargas financieiras. Custos que non terían en conta a man de obra familiar nin o IVE.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias