UUAA DENUNCIA A SUBA DE TIPOS NO IRPF AOS PRODUTORES

Non entende que nun ano de dificultades o Ministerio de Facenda busque só facer caixa

Santiago, 28 de abril de 2021.- A organización Unións Agrarias denuncia a total falta de sensibilidade do Ministerio de Facenda para cos produtores pola non bonificación nos tipos do IRPF respecto do exercicio anterior en sectores moi afectados pola pandemia.

Segundo aparece nas táboas que hoxe publica o BOE, os agricultores de Xinzo de Limia tributarán no tipo máximo a pesar de ter tido que saldar toda a produción do ano pasado debido á caída das ventas propiciada polo peche da canle HORECA. Porén, o Ministerio si bonifica os tipos en concellos nos que non houbo produción pola prohibición de plantar derivada da praga da Couza Guatemalteca.

No caso da produción de castaña tampouco se bonifican tramos de IRPF nos concellos nos que a colleita se perdeu a causa da afectación da avispilla do castiñeiro. O mesmo que ocorre coas zonas produtoras de forraxes, que perderon a campaña polo efecto da multiplicación das poboacións da rata toupa.

No sector lácteo as principais zonas produtoras tamén quedan fóra da redución de impostos pese a que o Ministerio de Agricultura recoñece que se está traballar por debaixo de custos. Mentres que ese mesmo baremo si se consigna para habilitar unha rebaixa no IRPF para as granxas de gando de carne. Un paradoxo incomprensible que UUAA tan dó pode vencellar a un erro, pois non se lle atopa outra explicación.

Unións Agrarias, lembra que moitas destas producións si se viron beneficiadas de rebaixas na anualidade anterior debido a distintas condicionalidades; mentres que neste exercicio non se aplican a pesares de ser o máis desastroso do último século.

A organización agraria pide unha inmediata corrección nas producións referidas e destaca o especial cinismo que supón manifestar publicamente o carácter estratéxico do sector primario para despois darlle este trato á hora de liquidar impostos sobre unhas rendas exiguas.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias