30 de abril de 2021- Unións Agrarias ven de remitir unha carta ao conselleiro do Medio Rural para reiterar a urxente necesidade da posta en marcha dunha Mesa da Carne por parte da Xunta de Galicia. A organización agraria lembra que, lonxe de mellorar, a situación do sector cárnico de vacún continúa a ser moi preocupante. Cunha caínda de ingresos que acada os 18 millóns de euros dende o inicio da pandemia.
O descenso do prezo da carne en orixe que trouxo a crise da Covid-19 leva meses provocando perdas constantes ás ganderías de vacún galegas. Un sector que produce carnes dunha altísima calidade seguindo os máis estritos parámetros de seguridade alimentaria, sustentabilidade e benestar animal e que, paradoxalmente, están a pagarse por debaixo de custos.
Unións Agrarias lembra ademais que as carnes destas explotacións de proximidade non se atopan á venda en moitas das cadeas de supermercados instaladas en Galicia, que optan por importar tenreira de países como Holanda ou Bulgaria.
Por todo elo, logo de meses denunciando publicamente a precaria e fráxil situación que atravesan as ganderías galegas a organización diríxese directamente á Xunta de Galicia e insta ao goberno galego a dar un paso adiante e a brindar un apoio indispensable para garantir o futuro dun sector estratéxico para o rural galego.
UUAA lembra que falar de gandería en extensivo é falar de economía, pero tamén de demografía e de loita contra o despoboamento e contra os incendios. Por iso demanda a urxente implicación da Consellería do Medio Rural e anima ao seu titular a non deixar pasar máis tempo sen poñer en marcha unha mesa sectorial de traballo da que saia o plan estratéxico que o sector precisa para garantir a súa viabilidade e a súa proxección de futuro.
Na mesma liña, Unións reitera a necesidade de que a administración autonómica impulse unha nova liña de axudas directas que compensen a forte caída da renda que as explotacións galegas levan meses padecendo.