Lalín, 29 de abril de 2021.- Unións Agrarias ven de rexistrar as súas alegacións contra o Proxecto de Green Capital Development XXIX, S.L, para a instalación dos parques eólicos Val de Folgoso e Monte do Porcallo; ambos de 56 MW de potencia e con afección nos concellos de Lalín, Rodeiro e Dozón.
Ambos parques atópanse na fase de información pública de impactoambiental e a solicitude de autorización administrativa previa, dentro do procedemento administrativo para a súa tramitación; sendo a mesma competencia estatal ao superar os 50 MW de potencia. A zona de incidencia do parque esténdese tamén aos concellos de Vila de Cruces e Silleda, ao contemplarse as liñas de evacuación eléctrica ata o punto de interconexión.
Unións manifesta a súa oposición a estes dous parques, en tanto en canto se sitúan en zonas eminentemente gandeiras, afectando á superficie agraria útil e á base territorial de explotacións en actividade; cando o desexable sería que este tipo de instalacións se ubiquen en todo caso en terreos de monte de baixa capacidade produtiva.
No documento de alegacións a organización agraria pon de manifesto as afeccións directas e indirectas sobre explotacións que están en actividade, e que verán limitado o seu funcionamento así como as posibilidades de ampliación das naves e infraestruturas de cara ao futuro; toda vez que o perímetro de instalación dos aeroxeradores vai implicar a recalificación urbanística dos terreos anexos, que deixarán de ser solos rústicos de especial protección agropecuaria para pasar a solos rústicos de instalación enerxéticas. O que limita as posibilidades, por exemplo, de ampliar naves agrícolas e gandeiras, sen que elo supoña ningún tipo de compensación económica aos afectados, que se ven privados de dereitos.
Igualmente Unións Agrarias considera incorrecta a fragmentación dos dous parques á hora de facer o estudo de impacto ambiental solicitada por parte da empresa. Sendo correcto o criterio da tramitación conxunta para valorar axeitadamente, dende o punto de vista ambiental, os impactos acumulados do conxunto das instalacións de ambos, como se recolle no BOE.
Tamén se considera a afección sobre as traídas e usos da auga na zona de afección, tanto das concesións para captación de auga, como os usos tradicionais que se considera non están suficientemente analizados e tidos en conta no documento sometido a exposición pública. O mesmo cos impactos dos ruídos para núcleos de poboación e para granxas en activo, tendo en conta factores de benestar animal así como as perturbacións eléctricas e electromagnéticas que os aeroxeradores poden causar nos sistemas de control das instalacións de granxas avícolas e porcinas presentes nas áreas de afección dos parques.