UUAA PIDE QUE SE CONCRETE CANTO ANTES UN ESTUDO DE CUSTOS NA VITICULTURA

Considérao fundamental para reforzar o modelo de contratos de aprovisionamento dos produtores e evitar abusos

Santiago, 6 de maio de 2021.- Unións Agrarias insiste na necesidade de que a Consellería do Medio Rural impulse un estudo custos de produción na viticultura galega que reforce a utilidade dos contratos de aprovisionamento que as adegas aplican aos produtores. Neste momento, e pese ás estipulacións que recolle a Lei de Cadea, os compradores de uva aproveitan que os gastos reais que asumen os viticultores non están cuantificados para impoñer uns prezos que moitas veces non cobren custos.

A organización agraria considera imprescindible sacar á luz a falta de viabilidade económica na que se atopan os produtores de uva en todas as DOs de Galicia. UUAA destaca que, pese ao incremento de vendas e exportacións que cada ano presentan as adegas, eses avances non supoñen garantía algunha para os agricultores; que non contan con ferramentas que lles permitan negociar prezos xustos.

Unións Agrarias urxe a elaboración deses baremos de custos aos que referenciar os prezos da uva nas distintas zonas produtoras de Galicia. Unha ferramenta indispensable para aportar estabilidade e seguridade ao sector e manter activa a produción vitícola galega.

Unións Agrarias insiste tamén en reclamar da Xunta de Galicia a habilitación dun rexistro público no que se depositen, antes da vendima, os contratos de compra de uva para certificar que estes cubran os custos de produción. Ademais, propón que as adegas que non participen nel non poidan ter acceso ás liñas de liquidez.

Por outro lado, UUAA mantén que as liña de axudas ás adegas da Consellería do Medio Rural deben garantir unha modulación que prime á viticultura social de pequenas explotacións; o modelo maioritario en todas as denominacións de orixe de Galicia.

A organización agraria lembra que en zonas produtivas como O Ribeiro o 95% da produción recae en viticultores con menos de 2 hectáreas; que ven como a maior parte dos fondos irán a novas plantacións de grandes adegas. Unha situación que a medio prazo suporá un cambio do modelo produtivo que podería deixar a moitas comarcas do interior de Galicia sen o único activo económico que as mantiña vivas.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias