UUAA aposta pola incorporación de mozos, a lonxa dixital e o leite de pastoreo certificado

A organización traslada ao PSdeG-PSOE as súas propostas para os fondos de recuperación da Xunta

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, achegouse esta mañá ata a sede de Unións Agrarias en Santiago de Compostela para falar das propostas da organización para o deseño dos próximos fondos de recuperación socieconómica da Xunta de Galicia. O responsable socialista fixo súas unhas iniciativas que poñen o foco na incorporación de persoas mozas e no aproveitamento das novas tecnoloxías para a mellora da rendibilidade das explotacións agrogandeiras. E comprometeuse a defender ante a adminstración autonómica as iniciativas propostas por UUAA.

O orzamento para plans de mellora e incorporación de persoas novas á actividade agrogandeira contemplado no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR) é insuficiente para aprobar todas as solicitudes de axuda presentadas que cumpren os requisitos. Unha problemática que afecta a 320 proxectos e que, dada a urxente necesidade de relevo xeracional que padece o rural galego, debe ser atendida coa máxima urxencia.

“Non podemos permitirnos que 1 só mozo que teña decidido incorporarse a unha explotación teña que aprazar o seu proxecto por falta de orzamento. Unha persoa nova que quere incorporarse non pode agardar un ano ou dous a que veñan máis cartos de Bruxelas. Existen solicitudes que, coa actual dotación orzamentaria destinada á incorporación de mozas e mozos, quedarían fóra. E vemos necesario habilitar fondos extraordinarios para que eses mozos poidan impulsar os seus proxectos de inmediato”, explicou o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.

Unións Agrarias tamén aposta por conseguir que os fondos para a recuperación permitan achegar novas ferramentas dixitais ao rural galego. Nese senso, a organización agraria pon sobre a mesa dous proxectos. O primeiro consistente na habilitación de colares dixitais que permitan acreditar as horas de pastoreo ao aire libre das ganderías galegas de leite. E a segunda para o pulo dunha lonxa dixital que acurte o camiño da carne galega dende as explotacións ata os puntos de venda.

“Galicia non pode sacar un plan lácteo pola mañá e logo non habilitar ferramentas concretas. Se queremos deixar de ter o prezo do leite máis barato de Europa debemos porlle valor engadido. E iso pasa por un produto diferenciado, e Galicia ten as condicións para aportar ao mercado leite de vacas en pastoreo. O consumidor debe ter a garantía de que esa estancia das vacas ao aire libre nos prados é real, e o investimento para conseguilo é pequeno. Por iso apostamos por colares electrónicos que certifiquen esas horas de pastoreo. Unha ferramenta que aportaría garantías ao consumidor e sería ademais unha ferramenta de diferenciación que permitiría mellorar o prezo que perciben os gandeiros”, explica o voceiro de Unións.

Modernizar as estruturas de compra-venda

Por outra banda, en Galicia temos a mellor carne de Europa, unha tenreira suprema de calidade e diferenciada. Pero temos un problema: que os gandeiros están cobrando case 1 euro por debaixo do que lles custa producir. “A recuperación do sector ven porque o consumidor poida diferenciar e valorar esa carne. Pero tamén por modernizar as estruturas de compra-venda. Non podemos seguir estando en mans de tratantes que quedan co 30% do beneficio do becerro só por transportalo. As novas tecnoloxías poden ser unha ferramenta axeitada para poñer en marcha subastas electrónicas que evitarían que o beneficio quede en mans de quen nada aporta. Incidir nun modelo que aposte polo benestar animal e que dea transparencia e seguridade á produción é un reto que non custa moitos cartos e que non pode agardar, dado que nos atopamos nunha crise derivada da pandemia e da caída de prezos da carne”, explicou García, que agradeceu a boa disposición do PSdeG-PSOE a defender estas propostas.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias