Unións Agrarias reitera a grave situación de perdas económicas que atravesa o sector de carne de vacún galego e incide na urxente necesidade de que a Xunta de Galicia se involucre para paliala. A organización lembra a importancia demográfica dunhas explotacións indispensables para a economía das zonas máis desfavorecidas e menos poboadas da nosa Comunidade. E insta ao Goberno galego a dar un paso adiante para evitar peches en áreas especilamente sensibles.
O responsable de Producións Extensivas e Ecolóxicas de UUAA compareceu este martes en rolda de prensa para volver reclamar a posta en marcha dunha liña de axudas directas que permita ás explotacións recuperar a situación económica precovid. Dende o inicio da pandemia os prezos de venda da carne caíron arredor de 65 euros por animal. “O que implica que cada explotación precisaría arredor de 2.000 euros para situarse na situación económica que tiña antes da pandemia”.
A organización lembra que os gandeiros galegos están vendendo a súa carne por menos do que lles custa producila, e demandan a urxente implicación da Xunta de Galicia para poñer en marcha un observatorio de prezos que permita contar con estudos de custos de produción de referencia que garantan o cumprimento da Lei de Cadea. “É urxente que a administración se involucre para establecer con claridade a liña vermella que non se pode cruzar para evitar a venda a perdas”, indica José Ramón González. Que tamén fai un chamamento para que o goberno autonómico actúe para conseguir un reposicionamento da carne certificada de ternera galega dentro do mercado. “Non é posible que o prezo de liquidación dun produto top, cuns custos de produción maiores, baixe como o está a facer. Falamos dun problema estrutural, pois estamos a falar dun produto top que se está liquidando a prezo de xenérico”, indicou o voceiro de Unións Agrarias. Que tamén solicitiu a posta en marcha dunha lonxa agropecuaria de referencia, que traballe de xeito profesional e que permita referenciar aos seus prezos os contratos necesarios para o cumprimento da Lei de Cadea.
Unións Agrarias destaca a urxencia de actuar para “reflotar un sector estratéxico” que aglutina arredor de 19.000 explotacións ubicadas nas zonas demograficamente máis sensibles da nosa Comunidade; e que levan décadas arrastrando unha crise de prezos. “Os gandeiros galegos levaban arredor de 30 anos percibindo o mesmo prezo pola súa produción. Porén, desde o inicio da pandemia a carne baixou. Dende febreiro do 2020 a febreiro de 2021 as cotizacións da tenreira galega pasaron de 4,78 a 4,54 €/kg. Pola contra, dende o inicio da pandemia os custos de produción subiron entre un 3 e un 5%, fundamentalmente debido á suba dos cereais.
De acordo cun estudo interno elaborado por UUAA, o custo de produción dun quilo de carne está en torno a 4,30 euros sen contar amortizacións nen man de obra. “Se o que traballa non cobra e non ten débedas producir un quilo de carne custa iso. Pero se engadinos custos de amortización situámonos xa entorno a 5,35€”. Un desfase moi importante en relación ao prezo de venda que deixa claro que os gandeiros galegos están a perder cartos. E ante o que a organización agraria insta á administración autonómica a tomar cartas no asunto.