Lalin, 12 de maio de 2021– Unións Agrarias está a recibir queixas de afiliados da zona do Deza que denuncian o comezo dos danos nas fincas de millo, unha vez iniciada a campaña de sementeira. En concreto hai danos recorrentes denunciados nas parroquias de Cervaña, Piñeiro e Lamela, en Silleda. Resulta salientable que no ano 2019 se denunciaron no Deza 255 ataques do xabaril en terreos en produción, 40 dos ataques en Silleda.
Aínda que ata o 21 de agosto non abre a temporada ordinaria de caza do xabaril, a lexislación galega ten previstas intervencións extraordinarias para protexer os cultivos dos danos das mandas de xabarís. Estas intervención, cando se refiren a batidas, teñen que ser solicitadas polos TECOR e Sociedades de Caza e autorizadas pola correspondente Delegación Provincial de Medio Ambiente, neste caso de Pontevedra; un proceso que precisa de axilidade para interromper a continuidade dos danos nas parcelas afectadas.
Non obstante,Unións Agrarias ten detectado queixas de produtores debido á falta de dilixencia da Delegación da Consellería de Medio Ambiente de Pontevedra para dar resposta ás solicitudes pendentes; mentres os danos se acumulan, a pesares de que a Orde de vedas da propia Consellería di que as “autorizacións de caza por danos realizarase de xeito inmediato”.
O cultivo do millo é moi vulnerable; tanto durante os meses de maio e xuño coincidindo coa sementeira, cando as mandas de xabaril entran a alimentarse do grao recentemente sementado; como a partires de mediados de agosto, cando se empeza a formar a espiga. As incursións do porco bravo durante a sementeira obrigan ás explotacións afectadas a volver sementar as parcelas, normalmente varias veces, se non hai intervencións de caza para dispersar os animais. O que fai que en moitos casos a posta en produción deses terreos sexa imposible, coa conseguinte perda económica. No caso do Deza, supéranse as 5.000 hectáreas de millo cada ano, ás que hai que sumar alomenos outras 21.000 dedicadas ao cultivo de forraxe que tamén son vulnerables aos ataques do xabaril.
Unións Agrarias insta á aprobación de todas as solicitudes de intervención de caza que teñan por fin protexer os cultivos durante a presente campaña da sementeira, cando os cultivos son máis apetecibles para o xabaril e máis vulnerables. A organización insta á administración a actuar con dilixencia e facer un esforzo para estar á altura das circunstancias para resolver os problemas de agricultores e gandeiros. E considera socialmente inaceptables actitudes de aplicación tibia da normativa que deixan aos produtores sen posibilidade de protexer os seus cultivos.
Ademais, UUAA lembra a produtores e cazadores que a Consellería de Medio Ambiente na Orde de vedas publicada neste mes de maio autoriza a modalidade de caza por axexo ou rececho; o que permitiría un control dos danos máis eficaz que nas esperas e sen as complexidades das batidas; posto que se trata dunha modalidade de caza efectiva que poderían aplicar os TECOR para recuperar a normalidade dos cultivos nesta temporada.