UUAA DENUNCIA DANOS DE XABARIL A PRODUTORES DO CONCELLO DE TABOADA

Reclama mais actividade do TECOR a fin de deslocalizar as mandas cara as zonas de monte

Chantada, 19 maio de 2021.- Unións Agrarias continúa a recibir as denuncias dos ataques de xabaril sobre as parcelas de millo que se están a plantar estes días, dentro da presente campaña de millo forraxeiro na comarca de Lemos e Chantada.

Neste caso trátase de varias parcelas sementadas nunha explotación do concello de Taboada; máis concretamente na parroquia de Cerdeda; e que terán que volver repoñerse para non perder a estación produtiva.

UUAA reclama máis actividade do TECOR a fin de deslocalizar as mandas de xabaril cara ás zonas de monte; de xeito que se alivie a presión sobre os cultivos durante a fase crítica da sementeira, cando son especialmente vulnerables.

Non obstante, entre os produtores persiste a preocupación de cara aos próximos meses; especialmente o final do verán, cando o cultivo de millo voltará ser vulnerable cando bote a espiga. Por iso a organización advirte da necesidade de dar continuidade ás medidas de xestión que permitan controlar as poboacións de xabaril e alonxar as mandas cara ás zonas de monte.

Unións lembra que aínda que a temporada de caza estea pechada si son autorizables medidas extraordinarias de xestión como as batidas, as esperas e os axexos. Instrumentos todos válidos para compatibilizar a caza coa actividade produtiva no territorio.

Asemade lembra que a responsabilidade, tanto da xestión como de resarcir os danos da fauna cinexética, segue a ser dos TECOR e Sociedades de Caza,; toda vez que en xaneiro de 2020 se rexeitou no Parlamento de Galicia a iniciativa lexislativa popular presentada por Unións Agrarias co aval de máis de 6.500 sinaturas de persoas do rural; onde se propoñía a modificación da Lei de Caza de Galicia para que fora a Administración a que respondera en todo caso destes danos.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias