UUAA PIDE ACTIVAR UN REXISTRO PÚBLICO DE CONTRATOS DE UVA NA VENDIMA

Aproveitando a tramitación no Congreso das modificacións da Lei da Cadea Alimentaria a organización insiste na urxencia desta medida

Ourense, 26 de maio de 2021.- Unións Agrarias insiste en reclamar a habilitación dun rexistro público no que se depositen, antes da vendima, os contratos de compra de uva para así certificar que estes cubran os custos de produción. Nestes momentos estanse a debater no Congreso dos Deputados as modificacións a introducir na Lei de Cadea para garantir un equilibrio real entre produtores e industrias transformadoras. Un marco lexislativo debe de procurar toda a transparencia posible para as relacións comerciais. A organizacións agraria destaca a urxencia de poñer en marcha este rexistro electrónico; e solicita ademais que as adegas que non participen non teñan acceso ás liñas de liquidez das administracións; do mesmo xeito que quedan fora se incumpren as obrigas tributarias coa Axencia Tributaria ou a Seguridade Social.

Unións Agrarias insiste na necesidade de que desde a Consellería do Medio Rural se impulse un estudo custos de produción na viticultura galega que sirva para reforzar a utilidade dos contratos de aprovisonamento que as adegas aplican aos produtores. Neste momento, e pese ás estipulacións que se recollen na Lei de Cadea, os compradores de uva aproveitan que os gastos reais que asumen os viticultores non están cuantificados para impoñer uns prezos que moitas veces non cobren os custos de produción.

A organización agraria considera imprescindible sacar á luz a falta de viabilidade económica na que se atopan os produtores en todas as DOs de Ourense, pese ao incremento de vendas e exportacións que cada ano presentan as adegas. E destaca que, sen concretar estes baremos de custos, é imposible poder negociar un prezo para a uva que permita manter activa a produción vitícola galega. Por outro lado, UUAA mantén que as liñas de axudas ás adegas da Consellería do Medio Rural deben garantir unha modulación que prime a viticultura social de pequenas explotacións que son maioritarias en todas as denominacións de orixe de Galicia.

A organización agraria lembra que en zonas produtivas como O Ribeiro o 95% da produción recae en viticultores con menos de 2 hectáras que ven como a maior parte dos fondos irán a novas plantacións de grandes adegas. O que a medio prazo vai supoñer un cambio do modelo produtivo, deixando a moitas comarcas do interior de Galicia sen o único activo económico que as mantiña vivas.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias