Santiago 27 de maio de 2021.- Unións Agrarias denunciará ante a Oficina de Consumo da Xunta de Galicia a empresa Heura Foods e os Supermercados Aldi por enganar aos consumidores ao vender un produto cunha denominación fraudulenta. As empresas anunciaban esta semana a posta á venda en máis 300 establecementos duns “Bocados de Polo 100% Vexetal Mediterráneos”.
O engano reside en que este é un produto vexetal ultraprocesado que non ten relación algunha co polo. A organización agraria considera que este engano debe ser perseguido e sancionado por Consumo e o produto retirado dos lineais. UUAA explica que estas industrias; conscientes de que estes produtos de creación industrial e baseados en vexetais e graxas de dubidosa orixe xeran temores entre os consumidores; tentan disfrazalos para salvar estas reticencias, normalizados e lograr a aceptación dos consumidores. Con ese obxectivo simulan hamburguesas ou salchichas. Pero nesta ocasión foron máis aló e quixeron disfrazarse de polo.
A organización pediu tamén ao Ministerio de Agricultura que investigue estas prácticas por se puidesen considerarse unha práctica desleal na cadea agroalimentaria por prexudicar os intereses dos produtores de aves e por enganar aos consumidores chamando polo a algo que, sinxelamente, non é polo. O sector agrícola e gandeiro leva anos loitando por unha etiquetaxe máis transparente, que recoñeza o traballo dos produtores e permita aos consumidores elixir libremente e sen enganos. Estas actitudes son unha fraude e non se deben consentir. España e a UE deben actuar de inmediato.
Galicia conta con case 700 explotacións avícolas en Galicia que non último ano e froito dos efectos da pandemia no consumo perderon mais de 3,5 millóns de euros; o que supón uns 5.000 euros por granxa.