UUAA denuncia impagos e venda a perdas no sector lácteo

Anuncia mobilizacións se Logística Alimentaria non aboa o leite que adebeda a 11 granxas

Unións Agrarias ven de denunciar publicamente a crise que atravesan os produtores de leite galegos e os graves abusos perpetrados polas industrias. Nun contexto xeralizado de venda a perdas, a organización pon o foco sobre a actitude especialmente intolerable de Logística Agroalimentaria. Unha empresa que se ten valido de estratexias torticeiras para non aboar a algúns gandeiros parte do leite entregado.

O secretario de Área Externa e Coordinación Sectorial e o responsable da Área Sector Lácteo da organización compareceron en rolda de prensa para instar unha actuación por parte de Xunta de Galicia e Ministerio de Agricultura. E é que, a pesar do que estipula a Lei de Cadea Alimentaria, as industrias lácteas non están a ter en conta a suba de custos de produción que afecta ás granxas.

Producir un litro de leite custa neste momento uns dous céntimos máis que a finais do ano pasado. Os custos de produción das explotacións teñen sufrido un forte incremento debido á suba dos prezos da enerxía, dos pensos para alimentación do gando e da man de obra. Porén, de xeito xeralizado as industrias lácteas resístense a que esa realidade se reflicta nos contratos de abastecemento; e os prezos que as granxas galegas cobran polo leite que producen (no entorno dos 32 céntimos) é inferior aos arredor de 35 que, segundo os datos que manexa o propio Ministerio, lles custa producilo.

Uniós Agrarias destaca a situación especialmente vulnerable das explotacións galegas; ás que sen ningún tipo de xustificación as industrias pagan o leite ata 3 céntimos máis barato do que a gandeiros doutras Comunidades, como a veciña Asturias. Ademais, afea a conduta das industrias; que se resisten a ter en conta a suba dos insumos e a pagar aos gandeiros conforme ao que marca a lei mentres presentan contas de resultados millonarias sen precedentes.

Impagos en Logística Alimentaria

Unións Agrarias insta a Ministerio e Xunta de Galicia a tomar cartas no asunto e a actuar con contundencia para facer cumprir a legalidade. Pero ademais a organización pon o foco no caso de Logística Alimentaria; industria que acumula impagos que afectan a 11 explotacións.

UUAA considera inaceptable a actitude de Logística, que se resiste a chegar a un acordo e a abonar aos gandeiros afectados o leite adebedado. Trátase de produtores aos que, tras ter comunicado a súa desvinculación da firma lucense, esta non lles pagou as últimas entregas de leite. A industria ampárase no custo económico que a vía da arbitraxe implica para os afectados. Un trámite polo que estas necesariamente deben pasar antes de recorrer á vía xudicial, debido á inclusión nos seus contratos dunha claúsula que así o estipula. Reclamar por esa canle ten un alto custo económico, en ocasións maior da cantidade adebedada. E Logística Alimentaria aprovéitase diso para quedar cos cartos dos gandeiros.

Así as cousas, Unións anuncia mobilizacións se nos vindeiros días a industria non recapacita. E asevera que non tolerará que se abuse da situación de indefensión dos produtores, polo que asumirá o custo das reclamacións.

A organización contrapón a actitude de Logístia Alimentaria á de Clea. Industria que no pasado incorreu nas mesmas prácticas abusivas pero que, trala mediación da organización, ten aceptado aboar os importes retidos aos gandeiros afectados.

En relación con isto, UUAA insta á Xunta de Galicia a tomar cartas no asunto e solicita que o goberno galego impulse unha modificación lexislativa que vete o acceso a fondos públicos daquelas industrias que non teñan ao día os pagos aos produtores.

 

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias