Muxía.- 4 de xuño de 2021– Unións Agrarias está a recibir queixas de produtores das comarcas de Soneira e Fisterra, – especialmente no concello de Muxía – que denuncian danos gravísimos nas parcelas de millo, unha vez que comezou a campaña de sementeira. En concreto hai afectacións recorrentes denunciados nos lugares de Frixes, Suxo, Castelo, Buiturón, Guisamonde e Berdoias no veciño concello de Vimianzo. Nalgún caso a desfeita acadou unha superficie de máis de 7 hectáreas.
Aínda que ata o 21 de agosto non abre a temporada ordinaria de caza do xabaril, a lexislación galega de caza ten previstas as intervencións extraordinarias para protexer os cultivos dos danos das mandas de xabarís. Estas intervención, cando se refiren a batidas, teñen que ser solicitadas polos TECOR e Sociedades de Caza e autorizadas pola correspondente Delegación Provincial de Medio Ambiente, neste caso da Coruña. Polo que UUAA xa puxo en coñecemento deste departamento as incidencias para que sexan iniciadas as pertinentes actuacións.
En vista dos danos que veñen repetíndose nas últimas semanas en distintos puntos da xeografía galega, para Unións Agrarias resulta obvio o fracaso do modelo actual de xestión das poboacións de xabaril. A falta de censos directos, está claro por indicadores indirectos como as tendencias dos danos nos cultivos e os accidentes de tráfico que as poboacións aumentan de ano en ano sen control. O modelo actual non logra estabilizar as poboacións pese ás 21.000 batidas que se celebran anualmente en Galicia. Non están a funcionar os sistemas e protocolos para mobilizar medidas preventivas inmediatas, para protexer os cultivos baixo o paraugas da Lei 13/2013 de Caza de Galicia (pensada para un marco cinexético e non de praga). Norma que no seu día Unións Agrarias tentou modificar mediante a presentación dunha ILP no Parlamento de Galicia, que non prosperou.
A redución das mandas ata niveis compatibles coas posibilidades de carga dos ecosistemas; e a posta en marcha de procedementos operativos e eficaces de protección dos cultivos; son obxectivos irrenunciábeis. Do mesmo xeito, resulta imprescindible que a responsabilidade de indemnización dos danos na agricultura pasen a ser responsabilidade da Xunta de Galicia; non dos TECOR e Sociedades de Caza que non contan coa solvencia precisa para responder das cantidades cada vez máis grandes pola magnitude dos destrozos.
O cultivo do millo é moi vulnerable durante a sementeira, cando as mandas de xabaril entran a alimentarse do grao recentemente sementado. Así como a partires de mediados de agosto, cando se empeza a formar a espiga. Na sementeira as explotacións afectadas teñen que volver a sementar as parcelas, normalmente varias veces se non hai intervencións de caza para dispersar os animais. O que en moitos casos fai impracticable a posta en produción das parcelas, coa conseguinte perda económica.
UUAA está a desenvolver unha campaña de información a través das oficinas nas comarcas con problemas de fauna salvaxe, poñendo a disposición dos afectados os servizos xurídicos da organización para que os produtores reciban as compensacións que lles corresponde pola perda dos seus cultivos.
Así as cousas, UUAA pide que se recoñeza a problemática do xabaril no rural galego, non dende a óptica dunha especie de caza que precisa dunha regulación cinexética; senón dunha especie que a día de hoxe é unha praga no rural galego, e que precisa un tratamento das súas poboacións acorde a esas características.