UUAA recorrerá á vía xudicial para evitar que agricultores e gandeiros carguen cos danos do xabaril

Solicita unha nova xestión e insta á Xunta a asumir responsabilidades para reducir o alto volume de destrozos

Unións Agrarias pon os seus servizos xurídicos a disposición de todos aqueles agricultores e gandeiros que, tras ter sufrido ataques do xabaril, queiran reclamar o pago dos danos causados. A organización leva semanas recollendo as numerosas queixas que lle chegan de distintos puntos da xeografía galega. O malestar polos cuantiosos destrozos nas terras de cultivo é grande. Polo que UUAA recorrerá á vía xudicial para tentar desbloquear un problema que leva xa demasiado tempo sangrando as rendas das explotacións do país.

“Somos conscientes de que non é a solución idónea. Pero neste momento, coa lei na man, é a única que temos. Unións Agrarias non quere que os tecores sigan a ser responsables do pago dos danos da fauna salvaxe. Pero tamén temos claro que os que de ningún xeito teñen que pagar son agricultores e gandeiros”. Así explicaron hoxe a situación o secretario xeral de Unións e o responsable da área Forestal e de Enerxías Renovables. Roberto García e Xacobo Feijóo compareceron en rolda de prensa para explicar o enorme descontento existente no rural galego por uns danos que non deixan de multiplicarse. E volveron incidir na cada vez máis urxente necesidade de que a Xunta de Galicia se involucre e impulse dunha vez por todas unha xestión efectiva desta especie.

Pasaron xa máis de dous anos dende que Unións Agraria tentou forzar un cambio lexislativo a través da presentación dunha ILP que foi debatida no Parlamento de Galicia en xaneiro de 2019. Unha iniciativa que, lamentablemente, non prosperou. E coa que a organización pretendía impulsar unha nova xestión pública do xabaril e eximir aos tecores da responsabilidade que agora teñen en exclusiva.

Para Unións Agrarias está claro que mentres o peso do problema siga recaendo nos ombreiros dos colectivos de caza a Xunta está moi cómoda. Porén, lamenta que ata o de agora os tecores galegos non teñan apostado de xeito decidido e unánime polos cambios que UUAA ven reclamando. A organización ve necesaria unha fronte común que force á administración a asumir responsabilidades. E non entende a postura temperada que ata o de agora ten mantido o colectivo cinexético.

UUAA considera que a solución ao gran problema que o xabaril supón para o medio rural galego pasa por unha nova xestión que permita reducir o volume dos danos. E iso necesariamente pasa por reducir a crecente poboación de porco bravo; e por implementar novas estratexias que permitan afastar as mandas das terras de cultivo; por exemplo habilitando puntos de alimentación disuasoria nas épocas do ano máis sensibles para as colleitas.

A organización lamenta o desleixo da Xunta de Galicia cara o que supón un problema de primeiro nivel para o rural galego. Nese sentido, lamenta que a Consellería de Medio Ambiente non teña contestado aínda á solicitude de UUAA, que no mes de xaneiro lle pediu unha xuntanza para abordar a situación e barallar novas medidas de xestión.

Unións ten claro que, mentres non se implemente un cambio de estratexia, o problema persistirá. E é que resulta evidente que nin os tecores, nin tampouco a propia administración, teñen a capacidade de asumir os máis de 15 millóns de euros anuais que os destrozos do xabaril lles están a custan a agricultores e gandeiros.

 

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias