Ortigueira, 9 de xuño de 2021– Unións Agrarias denuncia a situación de abandono en que a Xunta de Galicia mantén a oficina de Extensión Agraria de Ortigueira; e insta á Consellería do Medio Rural a reactivar o servizo de atención veterinaria nas condicións en que viña prestándose antes da pandemia.
UUAA lamenta a actitude do goberno galego; que a pesar das peticións e queixas que a organización lle ten feito chegar nos últimos meses segue sen recuperar a atención veterinaria diaria que viña prestándose nesa comarca. A organización denuncia o enorme malestar da veciñanza e das explotacións da zona; que están a ter grandes dificultades para realizar distintos trámites, indispensables para o seu funcionamento regular.
Ata o inicio do estado de alarma hai xa máis dun ano un veterinario acudía á Extensión Agraria de Ortigueira cada día. Porén, tras o parón do servizo que trouxo a Covid este ten pasado a prestarse tan só unha vez por semana. Deixando sen unha atención fundamental aos concellos de Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira e Cerdido. E provocando importantes atrasos que lastran a actividade regular das ganderías dunha das comarcas máis importantes para a produción cárnica de vacún de Galicia.
Da atención veterinaria prestada desde a oficina de Extensión Agraria de Ortigueira dependen un total de 623 explotacións profesionais de vacún de carne e leite; que acumulan un total de 8.715 reses. Unións Agrarias denuncia os retrasos e os problemas que este baleiro de persoal están a ocasionarlles a todas elas. E insta á Consellería do Medio Rural a dar explicacións e a devolver o servizo á normalidade o antes posible.
A organización lamenta o desleixo da administración e non entende que a Consellería non faga todo o que está na súa man para facilitar o traballo das explotacións; precisamente cando estas atravesan un dos seus peores momentos; debido á caída dos prezos en orixe que trouxo a pandemia e a importante suba de custos de produción rexistrada nos últimos meses.