Santiago, 14 de xuño de 2021.- Unións Agrarias advirte das perdas que o forte incremento dos custos da electricidade nas granxas están a provocar no sector avícola galego. Neste momento as explotacións están a soportar picos de crecemento do gasto eléctrico de ata un 36%; unha cantidade insoportable tendo en conta que a enerxía supón en condicións normais mais do 33% dos seus custos de produción.
Fronte a esta realidade, os avicultores ven como os prezos da carne de polo non se dá recuperado do impacto da caída do consumo en hostalería e turismo derivada da pandemia. Neste momento, os criadores perciben 0,18 €/Kg no tipo Broiler; cando para cubrir gastos ese prezo non debería baixar de 0,23€/Kg. Unha situación que implica que a Lei de Cadea non está a funcionar, ao non poder trasladarse os custos ao prezo en orixe.
As granxas deben facer fronte a unha serie de gastos fixos de insumos, enerxía ou seguros que non se reduciron a pesar do coronavirus. Porén, a crise sanitaria si obrigou a mermar o seu habitual número de crianzas anuais; alongando as estancias dos polos de 14 días a 1 mes. Situación da que deriva un maior gasto. E, como colofón, a entrada de crías estase reducindo por parte das empresas integradoras, pasando de 35.000 a 30.000 por camada.
A organización lembra que moitos xoves que apostaron por este sector para iniciar a súa actividade están vendo como os resultados condicionan a súa viabilidade por causas alleas ao seu traballo. Neste sentido, UUAA anima ao goberno galego a buscar apoios e a liderar a procura dun consenso a nivel nacional que evite que o sector avícola se converta nunha nova vítima da Covid-19.
É necesario lembrar a situación de dependencia dos produtores respecto das industrias integradoras para as que traballan; xa que estas condicionan o ritmo de produción e a saída dos animais. Este feito supón que a caída do consumo a nivel nacional derivada dun menor número de turistas e está implicando o abaratamento da produción por parte desas empresas; polo que é necesario poñer sobre a mesa medidas que sirvan para compensar as subas constantes da enerxía, da viruta ou da alimentación.
As máis de 900 explotacións de polo de Galicia poderían deixar de ingresar no marco da pandemia uns 13,5 millóns de euros. Son as estimacións que o propio sector xa ten sobre a mesa, en vista dos hábitos de consumo que, nun ano normal, se traducirían nun aumento do consumo de carne de polo durante os meses do verán. Así as cousas, Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a buscar fórmulas que permitan compensar o baixón da actividade e prezos.