Chantada, 18 de xuño de 2021– Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia e ao Goberno central a actuar para compensar os graves danos provocados polo pedrazo en vides de Chantada. A organización demanda a habilitación urxente de axudas directas e a condonación das cotas da Seguridade Social para os propietarios de todas as parcelas danadas. E insta ás administracións a colaborar para impulsar a rápida recuperación das plantas e das infraestruturas afectadas.
Unións Agrarias entende que a magnitude dos danos causados nas últimas horas polo pedrazo en Chantada esixe medidas inmediatas. Por iso apela á responsabilidade das administracións e insta ao goberno galego a buscar fórmulas que permitan aos produtores de uva poñer en marcha sen dilación os tratamentos necesarios para a recuperación dos viñedos danados.
UUAA entende que a declaración de Zona de Emerxencia non resulta operativa neste caso debido ao seu encaixe legal e ás complicacións da súa tramitación. O que suporía deixar aos afectados na estacada durante un período inasumible de tempo. Así as cousas, a organización aposta pola habilitación inmediata dunha liña de axudas directas para compensar as perdas pola venda da uva; acordes á cantidade de plantas destrozadas e ao prezo medio de mercado da pasada campaña.
Ademais, Unións Agrarias lembra que o dano provocado ás plantas non se reparará por si mesmo dun ano para outro. Pola contra, precisará de tratamentos específicos, polo que a organización insta á Xunta de Galicia a impulsar coa máxima urxencia un Plan de Recuperación e unha liña de axudas específica para a recuperación dos viñedos.
Por último, a organización solicita tamén a posta en marcha dun Plan específico de acondicionamento para as infraestruturas afectadas polo temporal. Unións Agrarias destaca o elevado grao de afectación que o temporal causou en cando menos 200 hectáreas das zonas de Pesqueiras, Sabadelle, San Fiz de Asma e Belesar. E demanda axilidade para que os viticultores damnificados poidan comezar a respoñerse canto antes dos graves prexuízos sufridos.
A organización destaca a importancia socioeconómica da viticultura social. E lembra que apenas o 10% das explotacións afectadas, de pequenas dimensións e cuns ingresos medios por debaixo do salario mínimo, están aseguradas.