UUAA TAXA EN CASE 1 MILLÓN DE EUROS OS DANOS DO PEDRAZO NO VIÑEDO DE RIBEIRA SACRA

Solicita que a Xunta libere as axudas coa axilidade de 2016

Chantada, 29 de xuño de 2021– Unións Agrarias valora en preto de 1 millón de euros as perdas causadas polas treboadas de pedrazo que arrasaron as explotacións vitivinícolas de Chantada. Nas zonas máis afectadas, -arredor de 70 hectáreas-, o nivel de danos é total; polo que os produtores, ademais da facer fronte á perda de uva, terán que facer un forte desembolso que rolda os 40.000 euros en cicatrizantes, fitosanitarios e man de obra para salvar as vides.

UUAA estima en máis de 700.000 os quilos de uva estragados, que poden acadar unha cotización media de 1,2€/K; o que dá un montante de 840.000 euros de perdas directas para os viticultores, sen ter en conta o lucro cesante e a perda de mercado.

Diante deste situación, a organización insiste na habilitación urxente de axudas directas e na condonación das cotas da Seguridade Social para os propietarios de todas as parcelas danadas. E insta ás administracións a colaborar para impulsar a rápida recuperación das plantas e das infraestruturas afectadas, na liña da actuación seguida na anterior treboada de 2016; cando se puxo a disposición dos afectados de Sober 600.000 euros.

UUAA entende que a declaración de Zona de Emerxencia non resulta operativa neste caso debido ao seu encaixe legal e ás complicacións da súa tramitación. O que suporía deixar aos afectados na estacada durante un período inasumible de tempo. Así as cousas, a organización aposta pola habilitación inmediata dunha liña de axudas directas para compensar as perdas pola venda da uva; acordes á cantidade de plantas destrozadas e ao prezo medio de mercado da pasada campaña.

Por último, a organización solicita tamén a posta en marcha dun Plan específico de acondicionamento para as infraestruturas afectadas polo temporal. Unións Agrarias destaca o elevado grao de afectación que o temporal causou en zonas de Pesqueiras, Sabadelle, San Fiz de Asma e Belesar. E demanda axilidade para que os viticultores damnificados poidan comezar a respoñerse canto antes dos graves prexuízos sufridos.

A organización destaca a importancia socioeconómica da viticultura social. E lembra que apenas o 10% das explotacións afectadas, de pequenas dimensións e cuns ingresos medios por debaixo do salario mínimo, están aseguradas.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias