Santiago, 8 de xullo de 2021.- Unions Agrarias valora as declaracións do ministro de Consumo desacreditando o papel da gandería, cando menos como frívolas e indocumentadas. A argumentación de Alberto Garzón non vai mais aló de ser unha sorte de falacias coas que acadar visibilidade mediatica en base a un ataque gratuíto ao sector agrogandeiro; sen dúbida o máis comprometido coa sustentabilidade do planeta, a loita contra o cambio climático, a produción de alimentos de calidade para a cidadanía e cos obxectivos do benestar animal.
Para UUAA chama atención que os datos que usa o titular de Consumo contradín incluso aos aportados polo Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico en relación aos rangos de emisións contaminantes da gandería. Emisións que Garzón eleva ao 14% sobre o total do estado, e que Ribera sitúa no peor dos escenarios nun 7%.
Dicir que o vacún de carne galego compromete a viabilidade do manto vexetal resultaría cómico se esas declaracións non comprometeran a viabilidade de explotacións que son o único activo económico en moitas comarcas rurais. Asemade os pasteiros son, xunto ás terras de cultivo, o mellor cortalumes natural; pois producen discontinuidades da biomasa no territorio e protexen de forma estrutural as nosas masas forestais. UUAA lembra que se hai un problema medioambiental en Galicia son os incendios forestais; e o manexo axeitado do gando é unha peza fundamental para a súa prevención.
Respecto das “dieta milagre” das que o Ministerio de Consumo fai campaña, sen apoiarse en ningún informe de saúde minimamente sustentable, o ministro mestura datos de produción con baremos de consumo,sen ter en conta que España exporta máis de 1 millón de toneladas de carne (máis do 48%). Tamén esquece Alberto Garzón que se España ten unha das maiores esperanzas de vida do planeta ven derivado, en gran medida, da mellora da dieta da súa poboación; na que os produtos cárnicos e lácteos, consumidos nas proporcións axeitadas, xogan un papel moi importante.
Finalmente UUAA rexeita que se faga o xogo con mentiras aos intereses de multinacionais dos alimentos ultraprocesados nun momento en que o sector produtor está a pasar moitas dificultades como consecuencia da retracción da demanda pola crise da Covid19. Urxe algo de sentidiño por parte do Goberno na relación das propostas políticas coas realidades e os feitos que establece a ciencia. Fuxindo por tanto dos marcos reducionistas sometidos a axendas de grupos de presión con intereses que non coinciden cos do ben común.