UUAA DENUNCIA A ACTITUDE ABUSIVA DA AVÍCOLA AVIGRAO

A empresa impón aos gandeiros a cría dun novo tipo de polo con maiores custos de produción que paga ao mesmo prezo que o convencional

Santiago, 15 de xullo de 2021– Unións Agrarias denuncia a actitude abusiva da integradora Avigrao; empresa avícola que nos últimos meses está a impoñer aos gandeiros cos que traballa a cría dun novo tipo de polo que supón maiores custos de produción para as granxas; pero que a avícola paga usando as mesmas táboas de prezos que para o convencional. A organización agraria considera intolerables este tipo de prácticas e insta á firma con sede en Melide a respectar a Lei de Cadea Alimentaria e a renegociar tarifas acordes a esta nova produción.

Unións Agrarias faise eco do malestar existente entre os criadores de polo en relación ás prácticas de Avigrao. Integradora que, tal e como reflicten as liquidacións das granxas, está a ignorar o dereito dos produtores a percibir prezos xustos aplicando tarifas que atentan contra a rendabilidade das explotacións.

Nos últimos meses Avigrao está a testar a viabilidade dun novo tipo de polo, o coñecido como “polo rubio”; cuxos requerimentos de cría supoñen un elevado incremento dos custos de produción das granxas que a empresa non está a cubrir.

Mentres o tempo de cría habitual para un polo do tipo broiler rolda os 45 días, no caso do rubio ese período case chega a duplicarse, acadando os 80. Ademais, trátase dun ave cuns requerimentos de espazo tamén moi superiores ao convencional; que obrigan ás granxas a reducir a súa capacidade nun 60%.

Unions Agrarias entende que a introdución deste novo tipo de polo pode ser unha nova saída de negocio para o sector. Porén, considera intolerable que as probas sexan de obrigado cumprimento para as granxas; que en ningún caso se teña consultado aos gandeiros a súa vontade de incorporar este produto e, sobre todo, que non se adecúen as tarifas e que se estea a pagar por el o mesmo prezo que por un polo que supón unha rendabilidade de practicamente o doble para as granxas.

A introdución deste polo rubio ten sido a pinga que colma o vaso. Porén, o malestar dos gandeiros en relación ás prácticas desta empresa ven de atrás. “As demais integradoras recollen os polos aos 45 ou 47 días. E se o tempo nas granxas pasa dos 52 aplican uns abonos ao prezo. Porén os tempos de recollida de Avigrao adoitan exceder a media habitual e a empresa obriga aos gandeiros a asumir o custo engadido; pois aplica sempre a mesma tarifa independentemente do tempo de cría das aves.

A partir da sétima semana os animais son máis esixentes e menos rendibles: aumentan os seus requerimentos de alimento e apenas gañan peso, co que os gastos dos criadores se disparan. Unións Agrarias insta a Avigrao a rectificar e a cumprir co dereito dos produtores a cubrir os seus custos de produción, tal e como estipula a Lei da Cadea Alimentaria.

Non é esta a primeira vez que Avigrao obriga aos gandeiros a asumir o custo económico das súas probas; pois o que agora está a aconteder con este novo tipo de polos pasou hai un ano; cando a experimentación con distintos tipos de alimentación se saldou coa aplicación dunha tarifa case un 40% inferior á habitual.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias