Santiago, 19 de xullo de 2021.– Unións Agrarias reuniuse con representantes dos TECOR de Muxía, Santa Comba, Zas, Mazaricos e Camariñas para analizar a situación dos danos do xabaril na agricultura. Unha xuntanza que se enmarca na rolda de contactos que a organización agraria está a impulsar con colectivos cinexéticos de toda Galicia. E da que saiu o acordo de solicitar conxuntamente á Xunta de Galicia que asuma o pago dos danos provocados por esta especie, entre outras medidas para lograr a eficacia da caza social galega como principal ferramenta de xestión das poboacións de porco bravo en Galicia.
Hai que ter en conta que a actual Lei 13/2013 de Caza de Galicia no seu Artigo 62 establece a responsabilidade do pago dos danos da fauna cinexética aos TECOR e Sociedades de Caza, exonerando á Xunta do pago dos mesmos excepto nas zonas de caza libres. Tanto os representantes dos cazadores reunidos como UUAA estiveron de acordo en que esa é unha pretensión irreal, dado que as sociedades de caza non teñen capacidade económica para facer fronte aos máis de 14 millóns de euros que se estima causa o xabaril na agricultura galega anualmente. Asemade, os colectivos reunidos coinciden en que o xabaril representa un problema social no rural galego, sendo xa o principal factor de risco da seguridade viaria, con máis de 3.200 accidentes de tráfico no ano 2019. Así como un problema ecolóxico, especialmente nos espazos protexidos e na Rede Natura; onde actúa como un depredador de fauna autóctona e protexida. Ademais, hai que lembrar o risco sanitario que o porco bravo representa para a cabana gandeira; ao funcionar como un vector de transmisión da Peste Porcina Africana.
Unións agrarias lembra que a petición que agora se reitera ven de atrás; pois xa en xaneiro de 2020 a organización presentou no Parlamento de Galicia unha iniciativa lexislativa popular, avalada por casi 7000 sinaturas de veciños do rural, onde pedía a modificación da Lei de Caza de Galicia para exonerar aos TECOR e Sociedades de Caza da obriga do pago dos danos; funicón que debera ser asumida pola Xunta de Galicia, dado que os animais salvaxes non son propiedade das Sociedades de Caza, que unicamente teñen encomendada a xestión dos mesmos no territorio do seu TECOR.
A proposta que agora se pretende elevar conxuntamente entre a organización agraria e unha maioría cualificada de Sociedades de Caza galegas inclúe tamén outros aspectos; como o recoñecemento da Caza Social galega como ferramenta indispensable para a xestión do xabaril; a distinción entre a caza cinexética e a caza por control de danos; e un papel máis activo da Consellería de Medio Ambiente na definición das medidas de control de danos que hai que tomar para protexer os cultivos, especialmente durante a época de veda.
Esta reunión se enmarca dentro da rolda de contactos que Unións Agrarias está a manter no conxunto de Galicia con diferentes Sociedades de Caza e organizacións cinexéticas; co obxectivo de dar forma a unha fronte común que permita unir as forzas do agro e da caza social galega para lograr as reformas que o marco legal da caza galega precisa para ser eficaz no control das poboacións de xabaril; o control dos seus danos no rural; e o pago xusto das indemnizacións aos agricultores e gandeiros afectados polas mandas de xabaril nos seus cultivos.